As mártires de Silán, crónica da guerrilla

Hai setenta anos púñase fin ao actuar da guerrilla na Mariña. O 21 de xuño de 1949 na bouza do Forcón, na Pena Grande de Silán, concello de Muras, un operativo da Garda Civil e da contrapartida asasinaba cinco loitadores antifascistas e daba por fechado o libro heroico da IV Agrupación nas terras mariñás.

foto_Sociedade
photo_camera Detalle da publicación "Vida Guerrillera"

3_SociedadePrimeiro foi Celia González Pernas, “Celia da Ferraría”, a forxar revoltas contra o fascismo. Despois, Xosefa Escourido Cobo, “Xosefa da Lúa”, a dar luz na noite pecha do franquismo. E tamén Xoán Galego Abeledo, “O Comandante”, da xinea revolucionaria dos “Buzo” de Mugardos; Xoán Pérez do Pico, “Xan de Xenaro”, o guerrilleiro de Grandal, e Manuel Clavero de la Iglesia, o terceiro mártir entre os fillos de Rafael Clavero.

Unhas e outros asasinados o 21 de xuño de 1949 na bouza do Forcón, na Pena Grande de Silán, no concello de Muras, após ser rodeado o refuxio onde se atopaban por membros da Garda Civil e da contrapartida, que utilizaron armas de fogo, granadas e bombas incendiarias para rematar con aquel foco de liberdade.

As causas da caída, as circunstancias das mortes e a identidade das vítimas ficou para sempre no corazón dos protagonistas da loita e na memoria popular. Segundo testemuña un guerrilleiro fuxido a Franza nun informe dirixido á dirección do PCE en 1952, probabelmente se tratase de Francisco Rei Balbís, “Moncho”, un veciño de Ourol discapacitado psíquico, quen mentres paseaba pola zona deu coa base que estaban a construír e informou deseguido no pobo do que acaba de ver, chegándolle a información ás forzas represivas.

Continúa o relato, neste caso utilizando como fonte Xosé Temblás Paz, que “ao día seguinte pola mañá cedo, Celia, que se atopaba de garda, deu a voz de alarma e fixo fronte á Garda Civil. Os gardas xa tiñan todo cercado, a operación realizouse de noite. Celia morreu no seu posto, Galego e Do Pico puideron saír.

O inimigo lanzou algunhas bombas incendiarias, un das cales caeu na furada, prendeu a gasolina e os camaradas do interior morreron. Galego e Do Pico continuaron combatendo pero tiñan malas armas e poucas municións, só cando esgotaron todas as posibilidades puxeron fin ás súas vidas cunha bomba”. 

A presenza do destacamento guerrilleiro na bouza do Forcón responde ao proceso de reorganización que vivía a guerrilla mariñá após a asemblea celebrada pola IV Agrupación en Goente, A Capela, a comezos de 1949. Analizada a situación organizativa no norte lugués, onde se contaba exclusivamente con Xosé Temblás Paz e Xosé Chao Rouco, “Benita”, e atendendo á nova liña de actuación, que acordara “manter as accións guerrilleiras, se ben estas debían ter un carácter máis político e organizativo”, a dirección da IV Agrupación toma a decisión de artellar unha nova base de apoio na zona, a semellanza daquelas covas que existían nas Fragas do Eume e que Rei Balbís, “Moncho”, comparou coas do Vietcong.

Mentres o grupo que pereceu na Pena Grande permanecía en Silán en tarefas de infraestrutura, outra parte do comando formado por Xosé Temblás, Xosé Chao Rouco, “Benita”; Roxelio Alonso Carral, “Canín”, e Antonio Veiga Mexuto, “Cacharrón”, tentaban “estabelecer novas estafetas para o Partido, ligar con algúns traballadores que traballaban na industria de Chavín” e desenvolver algunha acción de castigo.

[Podes ler a peza íntegra no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios