Martín Villa recoñece que puido ser "responsábel político e penal" dos crimes nos 70

O ex ministro de Franco rexeita que existise un "plan sistemático, deliberado e xeneralizado" para "eliminar o adversario político" durante a Transición.
Martín Villa nunha declaración ante os medios, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Martín Villa nunha declaración ante os medios, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O ex ministro Rodolfo Martín Villa, que formou parte do goberno da ditadura con Franco, vén de recoñecer que podería ser considerado como "responsábel político e penal" dos presuntos asasinatos e torturas cometidos nos anos 70 no marco do réxime.

Martín Villa -que chegou a ser procesado na Arxentina por delitos de lesa humanidade- descartou, en todo caso, a existencia dun "plan sistemático, deliberado e xeneralizado" que fose encamiñado a eliminar adversarios políticos.

O que fóra titular de Interior pronunciou estas palabras nun almorzo informativo que supuxo a súa primeira intervención pública após que a Xustiza arxentina revogase o seu procesamento.

Este foi atrás, tal e como se coñeceu en decembro de 2021, porque as maxistradas consideraron que non había "probas directas ou indirectas, indiciarias, variadas e/ou unívocas compatíbeis" cos delitos que se lle atribuían.

"Fose posíbel que nun rapto de tolemia puidese ser o autor material", destacou esta segunda feira. 

"O que non era posíbel é que eu formase parte dalgúns gobernos, en concreto da Transición, que urdieron un plan de aterrorizar aos españois partidarios dun Goberno democrático", engadiu.

Democracia e terrorismo

Desde o seu punto de vista, "dicir" que os dirixentes dos primeiros gobernos da democracia dedicábanse a eliminar a "as persoas máis representativas daquela etapa" é unha "mentira que ten as patas moi curtas".

"Non ten sentido que se use na querela esa palabra cando, se a Transición tivo un inimigo, foi o terrorismo", puntualizou Martín Villa.

Comentarios