Marta Rivadulla: "Sempre lles digo que un ditador non chega ao poder dicindo que será un ditador"

O equipo do IES Castro Alobre, de Vilagarcía de Arousa, proclamouse esta pasada sexta feira campión da IV Olimpíada Galega de Historia organizada pola Universidade de Vigo en Ourense. María, Ángel, Víctor e David contaron coa profesora Marta Rivadulla como docente responsábel. Nós Diario fala con ela desta competición e da situación do ensino da historia hoxe en día. 
De esquerda a dereita, María Valcarcel, Ángel Rey, Marta Rivadulla, Victor Caamaño e David Sánchez (Nós Diario).
photo_camera De esquerda a dereita, María Valcarcel, Ángel Rey, Marta Rivadulla, Victor Caamaño e David Sánchez (Foto: Nós Diario).

-En que consiste esta Olimpíada de Historia?

Desde o IES Castro Alobre xa tiñamos intención de participar o ano pasado mais coa pandemia deixámolo para este. Non sabiamos como sería o nivel mais si que o formato de participación partía da aplicación Kahoot que facilita xogar en rede acertando respostas.Contaba acertar e ser a máis rápida. Decidimos non preparalo e ir cos coñecementos da aula. Houbo moita implicación no centro e quedaron moitas e moitos suplentes. A primeira foi telemática para chegar a semifinais e ir a Ourense. Pasamos á final e gañamos

-Que temas entraban?

A idade contemporánea, a partir da Revolución francesa até a actualidade, pasando polas guerras e os totalitarismos.

-De que maneira trata a Historia da Galiza e que temas entraron no certame?

A formula é partir do que acontece no mundo e pasamos ao Estado español para chegar até Galiza e logo introducimos a comarca. Na Olimpíada entraron preguntas de arte galega relacionadas co barroco e a catedral de Santiago.   

-Na materia de Historia contemporánea antes non se chegaba á guerra civil por falta de tempo. Segue así?

Depende do curso. Neste a causa da pandemia iremos xustos. En xeral chégase se problemas. O currículo é moi completo e custa entrar a fondo nos temas. Mesmo temos tratado o franquismo a partir de que o propio alumnado lle pregunte ás avoas e aos avós sobre ese apartado da historia.

-Que temas son máis atractivos para o alumnado? 

Gústalles tratar as diferentes guerras. Personaxes como Napoleón e tamén nas ditaduras e os totalitarismos. Interésanse por saber sobre Hitler, Mussolini e Franco.

-A aprendizaxe da historia está adaptada aos tempos actuais?  

Tentamos empregar ferramentas e recursos para que se sintan cómodas e cómodos. Na enquisas a principio de curso comentan que non lles importa como vivían séculos antes. Conseguimos atraelo polos aspectos sociais. No meu caso vou mudando a metodoloxía e fago debates, emprego as novas tecnoloxías, a cooperación entre eles,... 

-O alumnado é crítico nesta materia? 

Ao principio chega aletargado mais cando lle suxires cuestións notas que espertan as súas inquedanzas e decátaste que son críticos. Con 15 e 16 anos están construíndo as súas identidades e as súas ideoloxías políticas, o seu pensamento crítico co sistema e son contestatarios coa vida. Se es capaz de enganchalos xorden aulas moi bonitas que non as fas ti, son eles que as fan. 

-Pensa que pode ter problemas por abrir temas de actualidade como lle pasou ao profesor que debateu sobre Catalunya? 

A día de hoxe, sempre hai unha sombra sobre o que conte o alumnado na casa tendo en conta o sensíbel que é a sociedade en que vivimos. Traballamos con bastante liberdade. O importante non é inculcarlles unha ideoloxía, máis ben que eles falen. Agora mesmo o alumnado mesmo di que está moi polarizado.

Para min o importante é que escoiten a opinión de todas e todos e que acepten outras opinións. Sempre que se fale con respecto dentro da aula penso que non temos ningún problema fóra. Agora, se se acaba de comprender realmente... creo que non. Sempre lles digo que un ditador non chega ao poder dicindo que será un ditador, chega doutra maneira e teñen que estar preparados par entender esas pistas previamente.  

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios