O Mariscal en Sevilla

O pavillón de Galiza na exposición Ibero-Americana de Sevilla abriu en novembro de 1929. En maio tivo lugar a Semana de Arte Galega co obxectivo de "coñecer as manifestacións máis características da música e os cantos" da nosa terra. O programa, igual que o pavillón, foi custeado polas Deputacións e comprende varias festas de arte a cargo da agrupación ourensá De Ruada ou a Coral polifónica de Pontevedra. Tamén se exhibiu o filme de Luis R. Alonso titulado Un viaje por Galicia. Cóntanos El Eco de Santiago como a comisión provincial aprobou a proposta de Francisco Lloréns segundo a cal o director cinematográfico Luis R. Alonso había de impresionar unha película de Galiza “con sus rías, sus monumentos y paisajes que sirva para dar al turista una visión rápida de la tierra gallega”.

Tamén tivo lugar a posta en escena da ópera O Mariscal, letra de Cabanillas e Vilar Ponte e música do mestre Rodríguez Losada. Colaboran, dinos El Orzán, as eminentes cantantes Ofelia e Ángeles Nieto, naturais de Compostela cuxas voces foron situadas no “Olimpo do bel canto”e que se brindaron a "participar da patriótica empresa artística".

No 2016, centenario das Irmandades, tería sido boa ocasión para as Deputacións custearen de novo a posta en escena daquel teatro. Non se fixo mais a ocasión, podería ser neste 2018, centenario da Asamblea Nazonalista de Lugo.

Claro que unha das reivindicacións presentes no manifesto é o “acabamento das diputaciós provinciás”.

Podía ser un bon final!

Comentarios