Mario Outeiro: “As institucións teñen obriga de restituír a memoria da represión”

“A ditadura franquista: 40 anos de represión é resistencia” é o título do proxecto da Deputación de Lugo encamiñado a recuperar a memoria tras décadas de silencio e que inclúe a exposición que esta quinta feira se inaugura. O responsábel da área de Cultura, o nacionalista Mario Outeiro, considera que responde a unha obriga que tiña que ser partillada por todas as institucións. 

Mario Outeiro, vice-presidente da Deputación de Lugo

Desde o 2007, a Deputación de Lugo introduciu a recuperación da memoria como un dos eixos de actuación na área de goberno que xestiona o nacionalista Mario Outeiro. Desde entón numerosas iniciativas se desenvolveron tanto de difusión como homenaxe ás vítimas nunha liña na que se inclúe o proxecto “A ditadura franquista: 40 anos de represión e resistencia” que hoxe, quinta feira,  inaugura unha ampla mostra que estará aberta ate o 27 de febreiro e que achegará, de maneira especial, á vida das persoas que participaron na guerrilla antifranquista. 

“Este é posibelmente o proxecto máis ambicioso dos desenvolvidos. Inclúe unha serie de conferencias que tentan dar a coñecer a dimensión da represión, algunhas delas xa celebradas e outras como un videoforum ou unha táboa redonda sobre a represión ás mulleres que terán lugar nos vindeiros días”, explica Outeiro que fai fincapé tamén na dimensión da exposición, con ampla documentación e obxectos e a recreación da cova dun guerrilleiro no concello de Paradela da que se expoñen tamén os planos. 

Imprescindíbel lembrar

Dar a coñecer a dimensión da represión e a resistencia antifranquista é o obxectivo desta nova iniciativa que se suma ás desenvolvidas ao longo da lexislatura desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo. “Segue a ser imprescindíbel o traballo institucional pola recuperación da nosa memoria e a homenaxe ás vítimas que foron esquecidas. As institucións teñen a obriga de restituír a memoria da represión, é de xustiza facelo. Compre trasladar esa memoria á cidadanía e por iso para nós é un eixo fundamental da nosa acción política”, defende o nacionalista Mario Outeiro que, desde o seu ámbito de traballo promoveu iniciativas que van desde a eliminación de distincións aos cargos franquistas até homenaxes como a que se lle tributou ao que fora alcalde de Castro de Rei a través do seu fillo Darío Rivas -impulsor da querela arxentina- pasando pola exposición de Ben-Cho -Shey que desempoeirou importantes feitos e documentos sobre o golpe militar e os anos de represión do franquismo. A celebración institucional do Día de Galiza Mártir cun acto solemne ou a homenaxe nacional ás vítimas en Montecubeiro son outras das iniciativas promovidas desde a área que xestiona Mario Outeiro. 

Único aire para o convenio Nomes e Voces 

Canda esas accións, a Área de Cultura da Deputación de Lugo continúa a manter o convenio de colaboración coa Universidade de Santiago sendo así a única institución que continúa a apoiar o proxecto “Nomes e voces”, creado en 2006 desde a Consellaría de Cultura do goberno, unha vez que a Xunta retirou todo o tipo de axudas. “Grazas a ese convenio temos un bolseiro, Antón Somoza -un dos comisarios da mostra- que continúa a traballar en investigacións que reverten no proxecto e coordina distintas actuacións de memoria histórica”, explica.  

A exposición, comisariada por Antonio Somoza e Antón Grande, mostra un amplo número de documentos e obxectos arredor da represión e a guerrilla. O acto de inauguración da mostra contará coa actuación o grupo de teatro “Daboapipa” cunha peza dedicada á represión franquista. O programa incluirá tamén unha conferencia o día 28 do guerrilleiro antifranquista Francisco Martínez López, Quico e unha mesa redonda o día 29 con mulleres que participaron da loita antifranquista en organizacións da clandestinidade.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios