Os actos celébranse o 22 de xaneiro no parque contiguo ao cemiterio vello de Mondoñedo

A Mariña homenaxea ás vítimas do franquismo

O 11 de xaneiro de 1938, un grupo de gardas civís e falanxistas executan no lugar da Rocha, en Mondoñedo, a Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez. Coincidindo co 84 aniversario do seu falecemento, Memoria da Mariña homenaxea a todos os asasinados na localidade
2
photo_camera José María Agrelo, a quen a opinión popular sitúa como responsábel intelectual das mortes de Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez, intervindo nun acto de propaganda franquista. (Foto: Nós Diario).

O vindeiro sábado, 22 de xaneiro, Mondoñedo acolle unha xornada de homenaxe a todas as persoas asasinadas na localidade polo franquismo. Segundo sinala a Nós Diario o portavoz de Memoria da Mariña, Xosé Luís Fernández Rivera “o obxectivo do acto é restaurar a memoria dun tempo histórico negado e facer xustiza con estes veciños de Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo inxustamente asasinados en Mondoñedo”.

Os actos comezan ás 12 da mañá no parque contiguo ao cemiterio vello de Mondoñedo, onde desde 2019  un monólito lembra a súa memoria. Neste lugar, está prevista a intervención dun representante de Memoria da Mariña así como de varios veciños da comarca que queren achegar o seu tributo a estas vítimas do franquismo.

O martirio de tres homes bos

As restricións derivadas da pandemia obriga aos organizadores a reducir o programa de actos desenvolvidos en edicións anteriores, porén o voceiro do colectivo Memoria da Mariña, Xosé Luís Fernández, sinala a Nós Diario que “igual que aconteceu o ano pasado non que non faltamos á nosa cita con Siervo, Manuel e Graciano este ano imos mantela”.

“A morte de Siervo, Graciano e Manuel está gravado a lume na memoria dos mindonienses”  afirma Xosé Luís Fernández quen lembra como “as circunstancias do seu asasinato así como o nome dos verdugos permanece vivo na cidade”. Neste sentido, Araceli González, neta de Siervo González, ten sinalado a Nós Diario, como “o mesmo falanxista de Mondoñedo que saca a meu avó da casa durante anos mantén atemorizada a miña familia”.

Siervo González, candidato ao Congreso dos Deputados por Lugo en 1933 nas filas da Unión Socialista Galega (USG), partido marxista e nacionalista, secretario local da Confederación Nacional do Traballo (CNT) e presidente do Partido Sindicalista é asasinado o 11 de xaneiro de 1938. Canda el, aparecen os cadáveres dos seus compañeiros de militancia  Graciano Paz e Manuel Rodríguez, antigos directivos da Sociedade de Obreiros Católicos e adheridos á USG e á CNT.

Uns meses após da súa morte aparece aforcado en Mondoñedo  o párroco da igrexa de Santiago e consiliario da Sociedade de Obreiros Católicos José María Agrelo, na opinión do pobo responsábel intelectual destas mortes.

Os 7 de Ribadeo

Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez non son os únicos mindonienses asasinados polo franquismo. Segundo Xosé Luís Fernández “o 16 de Abril de 1937 é fusilado en Ferrol, canda outros militantes da CNT do Barqueiro Jesús Verdeal Maseda. Pedro Marful Fernández e Xosé Otero García morren, respectivamente, nos campos de concentración da Illa de San Simón e de San Marcos de León.

Anos máis tarde, en enfrontamento armado coas forzas do franquismo caen en combate os guerrilleiros Xosé Porto Lestegás “O Herbellás” e Luís Trigo Chao “O Gardarríos”, máximo dirixente do PSOE na localidade durante a etapa republicana.

Un grupo de demócratas de Ribadeo e André Vale van atopar a morte en Mondoñedo. O 12 de setembro de 1936  son asasinados nas curvas de Prado os veciños de Ribadeo Bruno Martínez Antonio María Martínez López, Enrique Navarret e André Vale “O Moreno de Cobas”,  presidente da CNT de Viveiro detido en Ribadeo cando tentaba fuxir cara Asturias. Tres días máis tarde aparece no mesmo lugar o cadáver do mariñeiro socialista Florencio Carballo Novigil e o día 20 o corpo de José Antonio Díaz, rematado en Argomoso por un policía local coñecido como “O Lobo”. Finalmente, 7 de outubro resulta executado o tamén ribadense Jesús Longarela.

Comentarios