Marín homenaxea as vítimas da represión franquista

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín (ARMHM) homenaxeou neste sábado os veciños da localidade represaliados pola ditadura franquista.

 

Marin 1
photo_camera Acto de homenaxe ás vítimas do franquismo en Marín. (Foto:Tino Iglesias).

O paseo marítimo Alcalde Antonio Blanco de Marín acolleu no mediodía de hoxe un acto de homenaxe aos membros da corporación local de 1936 represaliados polo franquismo. A xornada serviu para ter unha lembranza especial a seis membros da mesma fusilados o 31 de decembro de 1936.

O acto de desagravio ás vítimas da ditadura arrancou ás 13:00 horas cunha intervención da senadora socialista Marica Adrio Taracido. A continuación actuaron o grupo musical A Revolta e Ricardo Villar. O acto fechouse cunha ofrenda floral aos represaliados do concello.

45 anos de homenaxes

O secretario da ARMH de Marín, Tino Iglesias, sinalou a Nós Diario, que as orixes desta homenaxe remóntanse a 31 de decembro de 1977 cando “diversos fundadores da asociación realizaron unha primeira homenaxe pública a Antonio Blanco Solla e demais compañeiros fusilados hai 41 anos, no cemiterio pontevedrés de San Mauro, por defender a liberdade e a democracia”.

Iglesias indicou que “con este acto a ARMH Marín busca a recuperación e divulgación da memoria histórica de todas as persoas, marinenses, galegas e galegos, de moi diversas ideoloxías, leais á II República, que logo do levantamento militar de xullo de 1936 sufriron a represión”.

A homenaxe celebrada en Marín tivo un especial recordo para seis veciños da localidade asasinados o 31 de decembro de 1936. A este respecto, Iglesias apunta  que “foron procesados nun xuízo farsa celebrado en Pontevedra o 19 de decembro de 1936”.

Os nomes do martirio

As persoas fusiladas significábanse pola súa militancia política e sindical. Unha delas, era o mestre de obras e alcalde socialista da localidade Antonio Blanco Solla. Outra, era o zapateiro e o impulsor das Xuventudes Socialistas de Seixo (Marín), Albino Agrasó Santamaría.

Bernardino de la Torre Fernández e Demetrio Lorenzo Ordóñez correron a mesma sorte. O primeiro, natural da parroquia da Mouta, era albanel e vixiante da lonxa do peixe. O segundo, natural de Rianxo, era xornaleiro e funcionario municipal.

Os dirixentes obreiros Amando Iglesias Pérez e Santiago Ramos Ramos acompañaron aos anteriores no martirio. Iglesias Pérez, mariñeiro de profesión, presidía o Sindicato da Industria Pesqueira, mentres o albanel Ramos Ramos dirixía o sindicato de canteiros.

A causa que levou ao paredón a estes seis veciños de Marín serviu para condenar a outros  a diversas penas. Entre estes últimos, atopábanse Enrique González Portela, Francisco López Crespo, Eusebio Martín Hernández, Antonio Martín Hernández, Eduardo Otero Molas, Ángel Pisa Barrio, Andres Santos Rodríguez e Enrique Toucido Pazos.

Comentarios