Marín homenaxea aos que defenderon a liberdade

Memoria Histórica de Marín lembra os veciños fusilados en decembro de 1936. Unha cita que se repite anualmente o propio 31 de decembro.

O acto será Paseo Alcalde Blanco, organizado pola Asociación pola recuperación da Memoria Histórica de Marín
photo_camera O acto será no Paseo Alcalde Blanco, o 31 de decembro, organizado pola Asociación pola recuperación da Memoria Histórica de Marín.

Albino, Antonio, Armando, Demetrio, Santiago e Bernardino son nomes propios, vidas, familias, que loitaron por unha sociedade máis libre, máis xusta, no seu Marín. Nomes propios que sufriron a peor das consecuencias do golpe militar que se producira seis meses antes. Nomes propios que, como cada 31 de decembro, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín ten a ben recuperar e lembrar cunha sentida homenaxe, no Paseo Marítimo Alcalde Blanco.

A homenaxe será na terza feira, día 31 de decembro, ás 13 horas, un acto anual en lembranza dos veciños asasinados nesa mesma data de 1936: Albino Agraso Santamaría, Antonio Blanco Solla, Armando Iglesias Pérez, Demetrio Lorenzo Ordóñez, Santiago Ramos Ramos e Bernardino de la Torre Fernández.

Intervirán na homenaxe, nesta ocasión, Fernando Salgado Varela, xornalista e escritor, autor de numerosos artigos e traballos sobre a recuperación da nosa memoria silenciada, como o seu último libro, 1.306/36, sobre a historia e a causa do seu avó; e o poeta e escritor marinense Nee Barros. Contarán, ademais, co acompañamento coas cancións e a música de Samu Acuña, Amigos da Memoria e Pousos da Area.

A continuación terá lugar a ofrenda floral, encabezada por familiares das persoas homenaxeadas.

Comentarios