IV XORNADAS CONTRA A IMPUNIDADE FRANQUISTA

María Ortega: "Hai unha demanda na sociedade galega de coñecer a nosa memoria histórica"

Responsábel do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, organizador das IV Xornadas contra a Impunidade Franquista.
maría ortega
photo_camera A deputada María Ortega. (Foto: Nós Diario)

Este sábado puxo o ramo en Pontevedra unha nova edición das Xornadas contra a Impunidade Franquista, a cuarta, organizada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación que dirixe María Ortega. "Hai un fío condutor entre todas as edicións", apunta Ortega, "que é coñecer o pasado para poder comprender mellor o presente".

—Satisfeita con esta IV edición das Xornadas contra a impunidade?
Moito. Durante estes anos non só nos cinguimos a pór o foco nas vítimas da represión e nas súas familias, no acompañamento na súa demanda de xustiza e reparación. Aquelas persoas foron asasinadas, represaliadas, por algo e ese algo foron as súas ideas. Nesta edición queriamos pór sobre a mesa como o golpe de estado e a represión afectou esas ideas, como afectou as identidades nacionais da Galiza, Euskal Herria e Catalunya, e como aquilo aínda deixa pegada.

Estamos moi contentos coa participación da xente, coa implicación do público. Enchemos o aforo e sempre está o debate de se ir a outro lugar máis amplo pero é que o lugar onde se fan, salón de plenos da Deputación, cremos que é o ideal polo significado que ten, aquí houbo xuízos sumarísimos dos golpistas, como o que fixeron a Alexandre Bóveda.

—Hai implicación e participación por parte das persoas asistentes aos diferentes actos.
Hai unha retroalimentación, por dicilo así. Si que notamos esa participación, desde o primeiro momento, ese interese, querer saber mais tamén querer contar. Teño claro que hai unha parte da sociedade que quere coñecer, demanda ese coñecemento sobre o que pasou e as súas consecuencias. Quizás agora, que estamos a vivir unha auxe da extrema dereita, dos discurso de odio e ataques a persoas migrantes, feministas, LGTBi...; esa demanda de memoria vese como máis necesaria.

A sociedade necesita coñecer porqué pasa o que pasa. Somos tamén o que fomos e cada vez máis xente, e moita xente nova,a demais; demandan coñecer o que pasou, por que pasou, que significou e como inflúe todo aquilo hoxe en día.

—Xa van catro edicións destas xornadas, abordando desde diferentes aspectos e prismas a memoria histórica.
As asociacións pola memoria histórica levan moitos anos traballando pola verdade, a xustiza e a reparación. Tiñamos claro que, como institución, o noso labor debía de ser apoialas e acompañalas. Ser unha ferramentas que pulsase por eses obxectivos. E ano tras ano vimos como ía aumentando a implicación nas cuestións que desenvolviamos en memoria histórica. Queriamos que estas xornadas fosen como un fío condutor que nos permita coñecer o pasado para comprender mellor o presente, para entender mellor a Galiza de hoxe, o temos unha historia e esa historia non é a que se reflicte no discurso oficial.

—Non son moitas as Administracións implicadas na memoria histórica, o certo é que hai grandes ausencias e silencios a este respecto...
 É vergoñento que haxa Administracións, que teñen moitos máis fondos que nós e que teñen competencias neste campo, e que non fagan o que deben de facer. Non apoiaron nin apoian a memoria histórica.

O Goberno do Estado comeza a dar agora pasos nese sentido mais realmente non hai, nin no Goberno español nin no galego, políticas públicas de memoria histórica. A lei que se vén de aprobar é positiva mais fica curta, e o da Xunta non ten nome. Eu xa só lle pido ao Goberno galego que, polo menos, mostren unha mínima empatía para as familias das vítimas, desa xente asasinada, exiliada, desaparecida.... Na Galiza non houbo Guerra civil, houbo un golpe de estado dos franquistas e comezou a represión; e é vergoñento que Núñez Feixoo saia agora falando de que aquilo foi algo de "avós que pelexaron".

Comentarios