María Miramontes, tecendo a Patria cincuenta anos despois

Non morreu María Miramontes. Minte o rexistro de falecidos do centro galego de Bos Aires que certifica a súa morte o 17 de setembro de 1964. A costureira de Guísamo segue a tecer con nos ese traxe de non rematar que é Galiza.

María Miramontes
photo_camera María Miramontes

É 6 Abril de 1895 e xa trae na man unha agulla de ferro que comezará a mover naquel obradoiro d´A Coruña once anos máis tarde para puntear unha patria por liberar, para mendar unha nación que non é quen de salvarse dos seus rotos, para coser man con man  unha terra que comeza a ter siso como propia.

Aquí está María Miramontes. Dirixente daquelas máis de 200 mulleres que facían parte  sección Feminina das Irmandades da Fala da Coruña, actriz naquel teatro que nacera para levar a boa nova de Galiza, mestra naquelas escolas criadas para facer galegas enteiras, liña de crédito de Lar, de Nos, dá Nosa Terra, de Ser, de Claridade, cadernos do Seminario de Estudos Galegos banca ética ao fin, Galiza xénero e papel, pluma e tesoira. E había que facer de todo na mercería da Coruña ou no taller de costura Compostela.

Estou vendo a María Miramontes. 17 de Xullo 1936, Madrid, a súa beira Anxo Casal, entregase o Estatuto de Galiza plebiscitado o 28 de Xuño, un paso adiante na loita pero non o final porque Galiza aínda non é ceibe. Recapitulamos a fundación dos primeiros grupos de mulleres do Partido Galeguista alá polo 1931, o Recanto da muller dá Nosa Terra, os manifestos das mulleres galegas, a cabeceira da manifestación das mulleres nacionalistas que percorren Compostela nas vésperas do Dia da Patria Galega de 1933. E chegou o terror, Casal asasinado e así aos poucos e aos moitos os que foron os seus irmáns e irmás.

"Na fundación dos primeiros grupos de mulleres do Partido Galeguista alá polo 1931, o Recanto da muller dá Nosa Terra, os manifestos, a cabeceira da manifestación das mulleres nacionalistas que percorren Compostela nas vésperas do Dia da Patria Galega de 1933".

Arxentina á vista. Febreiro de 1937, uns frades vascos nacionalistas , tamén exiliados, ofician na Igrexa de Nueva Pompeya por outro nacionalista, neste caso galego. Remata o oficio, no primeiro banco, unha muller de rigoroso negro comeza a cantar o “Himno Galego” na honra de quen fora o seu compañeiro, un patriota, un masón, Anxo Casal e sobre Nueva Pompeya xurde unha oración laica que fala de “bos e xenerosos” pero tamén de “ferridos e duros”. Toca vivir, que é resistir, e de novo coa súa agulla marcha a  Avellaneda a seguir tecendo.

O único cemiterio no que acreditamos é a memoria, por iso precisamos lembrar para que aqueles homes e mulleres que merecen a pena segan a vivir. E María Miramontes é daquelas que non poden morrer, agás que decidamos dimitir como pobo, amputarnos na nosa condición nacional, renunciar ao que nos identifica porque nos diferenza, devaluarnos como persoas en híbridos globalizados, isto é prescindir das alforxas que nos din de onde vimos e nos marcan o camiño por onde transitar para tornarnos nuns ninguén.

Comentarios