mércores 19.02.2020
Sermos280

Sermos publica os mapas do Reino de Galiza

O semanario Sermos Galiza publicará nos próximos meses varias entregas de mapas do país do período medieval. A cartografía dun tempo tan pouco coñecido como revelador da existencia do Reino de Galiza. A serie comezou neste Sermos280, disponíbel na rúa desde a pasada quinta feira.

Un detalle no mapa. Na parte inferior, pode lerse Gallecia
Un detalle no mapa. Na parte inferior, pode lerse Gallecia

PAINTA cartografía é unha descoñecida e valiosa fonte documental para coñecer e interpretar de primeira man, á marxe de visións estereotipadas e interesadas, a realidade do Reino de Galiza. Ao longo desta sección, e cada catro semanas, imos achegar diversos mapas e diagramas do período medieval de orixe diversa, entre eles de autores peninsulares, francos, británicos, xermánicos, italianos ou árabes, nos máis dos casos procedentes dos grandes corpos cartográficos do momento, coa intención de fornecer información de primeira man sobre a Galiza entre o século VIII e XV. 

PRIMEIRO MAPA.

Época: 946.

Autoría: Ximeno, monxe de San MIllán de la Cogolla.

Conservación do orixinal: Biblioteca da Real Academia da Historia. Madrid.

Características: Está considerado como o máis importante mapamundi realizado no espazo cristián ibérico con anterioridade ao ano 1000

Foi elaborado á volta do ano 946 no mosteiro de San Millán de la Cogolla (La Rioja), recollido nunha copia das Etimoloxías de San Isidoro asinada por un monxe chamado Ximeno do que se coñecen outros traballos, o orixinal consérvase na biblioteca da Academia da Historia en Madrid. Está considerado como o máis importante mapamundi realizado no espazo cristián ibérico con anterioridade ao ano 1000, descuberto polo grande historiador granadino Manuel Gómez Moreno, bo amigo de Otero Pedraio e Ben-Cho-Shey. Foi obxecto de diversos estudos até a actualidade, destacando as investigacións de Manuel Díaz y Díaz e Gonzalo Menéndez Pidal.

O mapamundi, debedor en certa medida da cartografía do galego Paulo Orosio, sitúa arriba o continente asiático, onde nun recadro vermello aparece representado o paradiso, a dereita o africano, recollendo ao tempo información hidrográfica. Oceanus, Mare Magnum, o Mediterráneo, Meotius Palus, Mare Rubrum, o Mar Vermello, Nilus, o Nilo como río paradisíaco, Tanais, o río Don, e o Iberus, actual Ebro, que como noutros tantos mapas da época aparece como fronteira divisoria entre Gallecia, denominación do reino cristián peninsular, e Spania, area ibérica gobernada polos árabes.

A cartografía de San Millán de la Cogolla, amais de enumerar nas súas lendas os nomes dos descendentes de Noé, sitúa algúns reinos como Italia, Gallia, Egyptus, Terra de Pedes Latos, en África, Gallecia, Asturias, como unha parte da mesma ou Spania, aparecendo só dúas cidades citadas Roma e Xerusalén, non tardando aparecer ao pé delas noutras cartas Santiago de Compostela. O mapamundi non deixa dúbidas de que naquela altura Gallecia e Spania servían para denominar realidades diferentes, fixando con claridade meridiana que o Reino de Galiza ocupaba o lugar hexemónico en toda a area norte da península ibérica.

A obra do monxe Xuliano non recolle ningunha referencia a León ou Castela. Se Asturias aparece correctamente incorporada dentro da área galega como unha mera extensión deste reino, as supostas cabezas dos reinos cristiáns, segundo a historiografía españolista, simplemente non existen. A ausencia de Castela, nun mapa elaborado en San Millán de la Cogolla, lugar considerado por moitos e moitas como o berce da lingua e cultura castelá, contemporáneo historicamente coa figura de Fernán González, o denominado conde de Castela, outro dos mitos fundacionais do relato españolista, debería cando menos facer reflexionar sobre a significación e peso de Castela na alta Idade Media.

[Esta información fai parte do semanario Sermos Galiza número 280, á venda na loxa e nos quiosques]

Corrección: Na edición orixinal desta noticia afirmábase erroneamente que os mapas de Galiza se publicarían ao longo de catro semanas. En realidade, aparecerá unha nova entrega cada catro semanas, así que a publicación se estenderá durante os próximos meses.

comentarios