Os Nomes do Terror

Manuel Monge: "Peñamaría, que sería alcalde da Coruña, tivo unha actuación criminal contra a poboación"

Manuel Monge González (Laguna del Duero, Valladolid, 1947) leva moitos traballando no ámbito da memoria. Ás veces como activista outras como investigador, nesta ocasión achéganos no coleccionábel 'Os nomes do terror' a traxectoria represiva do alcalde coruñés, Sergio Peñamaría
Manuel Monge. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel Monge

Sergio Peñamaría, antes de ser nomeado alcalde da Coruña destacou como un dos mandos da Bandeira da Lexión destinada a combater a guerrilla antifascista na comarca de Valdeorras, que papel desenvolve na represión nesta zona?

Tivo unha actuación criminal, dirixindo as operacións de castigo contra a poboación, segundo numerosas testemuñas de persoas que viviron esa represión. O caso do asasinato de Domingo Rodríguez e Amalia López en Soulecín, concello do Barco de Valdeorras, é relatado pola súa propia filla, Consuelo “Chelo”, que se incorporou despois á guerrilla, e recollido en varios libros.

Non foi o único caso. Tamén asasinaron a Adoración Fernández e a súa filla Remedios, pendurándoas dunha cerdeira na aldea do Val no concello de Rubía. Nesa mesma aldea asasinaron a tres irmáns, “Os Perdigueiros”.

A represión pretendía ser exemplar e os asasinatos realizábanse diante de todo o pobo, para causar terror. Parece ser que Peñamaría remataba ás vítimas coa súa pistola, que se exhibe, como arma dun cazador, nunha vitrina do Museo Histórico Militar da Coruña. A CRMH xa denunciou esta obscena exhibición do terror

Peñamaría, como membro do corpo xurídico militar participou como fiscal  en diversos consellos de guerra ao longo da década dos 40, que balance se pode facer da súa actuación nos mesmos?

O seu era a represión, como tenente da lexión en Valdeorras e despois formando parte do Ministerio Fiscal. Participou como militar en numerosos xuízos e subliñaría dous pola súa transcendencia: a petición de pena de morte en 1946 para o guerrilleiro Manuel Luis Bello Parga “Manolito Bello” e tres penas de morte para membros do Comité Provincial de A Coruña do Partido Comunista en 1947.

Peñamaría é hoxe lembrado, maioritariamente, como alcalde da Coruña, como chega a alcaldía da cidade e que destacaría da súa xestión á fronte da mesma?

Non había eleccións democráticas e os alcaldes chegaban ao cargo por designación directa por parte do propio réxime. No caso de Peñamaría, substitúe a Alfonos Molina en 1959 e consegue a alcaldía polos servizos prestados á ditadura, tanto na represión como militar en activo (nese momento era tenente coronel), como na súa participación nos tribunais militares como fiscal.

Na biografía oficial branqueada difúndese que era “boa persoa”, “todo un señor”, “honrado” . Tamén subliñan a súa contribución na posta en marcha da Refinería e do Aeroporto de Alvedro; no seu mandato acuñábase a frase de “La Coruña, ciudad en la que nadie es forastero”; e o concello declaraba o día da Virxe do Rosario como festivo.

Peñamaría consegue a alcaldía polos servizos prestados á ditadura

Agora coñecemos algo máis da súa capacidade de xestión, pero non ao servizo da Coruña, senón da familia Franco. Seguindo as ordes dos dirixentes da ditadura, Peñamaría xestionou con rapidez e eficacia o paso dunha propiedade municipal como a Casa Cornide a mans de Carmen Polo, esposa do ditador Franco. Tamén fixo frutíferas xestións para incorporar unha parcela e vivenda ao pazo de Meirás e ampliar así o roubo da familia Franco. 

Peñamaría xubílase en 1980 como conselleiro togado do Consello Supremo de Xustiza Militar, após ser elixido dous anos para o cargo polo Goberno da UCD, até que punto este feito non é un todo o símbolo da realidade da Transición?

Que unha persoa como Peñamaría, cun amplo currículo vinculado á ditadura e á represión, continúe a súa carreira nun destacado organismo de xustiza militar, após a morte do ditador Franco, das primeiras eleccións democráticas de 15 de xuño de 1977, e de aprobarse a Constitución en 1978, é un bo exemplo de que os restos do franquismo continuaron instalados no Congreso e noutras institucións, o mesmo que torturadores ascenderon na Policía, militares franquistas continuaron a súa carreira e moitos dos xuíces do Tribunal de Orde Pública (TOP) na ditadura ocuparon despois na democracia postos no Tribunal Supremo e na Audiencia Nacional. E isto non ocorreu só na chamada Transición, senón que continúa até hoxe. Por iso aparecen manifestos de militares que fan homenaxes ao ditador Franco e que envían cartas ao rei, claramente golpistas e con desprezo absoluto á democracia. E  non pasa nada.

O título do libro Jueces pero parciales. La pervivencia del franquismo en el poder judicial, de Carlos Jiménez Villarejo e Antonio Doñate Martín, recolle perfectamente a situación e explica moitas das sorprendentes sentenzas que emiten hoxe algúns tribunais de xustiza.

Malia a súa traxectoria represiva, Peñamaría segue dando nome a unha rúa na cidade da Coruña, trátase dunha excepción ou hai máis nomes de vitimarios no rueiro?

A Coruña mantén rúas e distincións a persoas que destacaron na represión. Enrique Salgado Torres, falanxista e participante na depuración, xuntamente cos seus irmáns, após a sublevación de 1926, dá nome a unha avenida e a un colexio. En Ferrol, con alcaldía do PSOE, xa cambiaron en 1981 a súa rúa por Alcalde Quintanilla Martínez, socialista fusilado en 1936.

Peñamaría foi chave para a cesión da Casa de Cornide á familia Franco

O crego José Toubes, que dá nome a unha praza, aparece sinalado en numerosas publicacións como asesor de falanxistas que pasearon a moita xente. É sinalado por Antón Patiño Regueira no seu libro Memoria de Ferro: “Quen protexeu as pistolas que usaron máis de tres anos o covarde Martín Viéitez e o Mosquera de Arteixo? Quen forneceu de balas os irmáns Mariño e o panadeiro da Falperra Porfirio Díez Hernández? Eles eran os axudantes privilexiados do cura paseador Toubes”. Un grupo de coruñeses evadidos por barco desde A Coruña á zona republicana, entre os que se atopaba Severino Chacón, líder sindical e fundador da Unión Tabacalera, integrada despois na UGT, sinalaba no xornal Nova Galiza de xullo de 1937: “Entre os que denominan os criminais son xa famosos os Castelerios e o crego Toubes”.

Por outra parte, significados golpistas e militares que cometeron asasinatos e crimes de lesa humanidade coa súa que participaron na sublevación do 18 de xullo de 1936, foron alcaldes da Coruña como José Fuciños Gayoso, Hernán Martín-Barbadillo, Sisenando Martínez Yunta, Juan González Regueral, José Pérez-Ardá Valdivieso, Eduardo Ozores Arraiz. O mesmo alcalde Alfonso Molina serviu no “Exército Nacional”, o de Franco, como tenente honorario de enxeñeiros.

O salón anexo á Alcaldía, que se utiliza para recibir visitas e a realización de actos institucionais, está hoxe presidido por grandes retratos de catro golpistas: Miguel Primos de Rivera, Mario Muslera y Planes, José Calvo Sotelo e Severiano Martínez Anido

Os catro organizadores da sublevación militar contra a II República na Coruña son fillos adoptivos da provincia da Coruña por acordo da Comisión Xestora da Deputación de 5 de xaneiro de 1937.Enrique Cánovas Lacruz, que era o xefe da guarnición da Coruña, Florentino González Vallés, tenente coronel da Guarda Civil e despois Gobernador, Luis Tovar Alonso, tenente coronel e xefe de Estado Maior e Pablo Martín Alonso, coronel do Rexemento Zamora e despois ministro do Exército. Estes significados golpistas recibían a distinción porque “son merecedores de pública admiración e gratitude pola súa actuación á fronte do movemento patriótico na Coruña”, segundo recolle a acta da sesión. E aí seguen na Deputación, case 84 anos despois, como fillos adoptivos e predilectos.

Como se pode explicar que aínda queden máis de 100 símbolos franquista na Coruña?

O atraso actual ten unha raíz moi clara: Durante 23 anos o alcalde Francisco Vázquez difundía a mensaxe, apoiado polo grupo municipal socialista, de que na Coruña non había simboloxía franquista, senón simboloxía histórica que hai que preservar. A conclusión é evidente, non se pode retirar algo que non existe. Ademais, o PSOE engadía que a existencia desa simboloxía franquista era unha proba de tolerancia. Durante o tempo que estiven de concelleiro na Coruña polo BNG presentamos 25 iniciativas, entre elas 10 mocións, que foron sempre rexeitadas polo PSOE e PP. Así, no Pleno de 2 de outubro de 2006 presentamos unha moción para a “revogación do recoñecemento a Franco como fillo Adoptivo e Predilectísimo da Coruña e a constitución dunha comisión para a recuperación da memoria histórica”; PP e PSOE votaron en contra. No goberno PSOE-BNG retiráronse 52 símbolos, pero aínda queda moito por facer.

A situación no conxunto de Galiza non é moito mellor. No meu libro Os restos do franquismo en Galiza recollo máis de 600 símbolos franquistas en 90 concellos de Galiza. O PP é o principal responsábel da situación actual, negándose a Xunta a elaborar unha Lei Galega de Memoria Democrática, pero as organizacións de esquerda e nacionalistas deberían facer unha valoración autocrítica porque gobernan durante moitos anos nas cidades onde hai máis restos do franquismo como A Coruña, Santiago Ferrol, Lugo, Pontevedra,Vilagarcía de Arousa, Betanzos, Vigo. Son optimista e creo que en 2021 poderemos acabar con moitos deses restos do franquismo, que son unha mostra de que aínda temos unha democracia moi limitada e que non houbo nin xustiza, nin reparación coas vítimas do franquismo.

Comentarios