Manuel Gómez Varela: un militante nacionalista na guerrilla antifascista

Da man de Cilia Torna, recuperamos a memoria de Manuel Gómez Varela, un dos símbolos da Galiza resistente, tamén coñecido como Manolo do Penso ou Fera Brava.

Manuel Gómez Varela, o sexto pola dereita na fila de arriba, canda outros afiliados e simpatizantes do Partido Galeguista de Franza en Mugardos.
photo_camera Manuel Gómez Varela, o sexto pola dereita na fila de arriba, canda outros afiliados e simpatizantes do Partido Galeguista de Franza en Mugardos.

Manuel Gómez Varela ficou na memoria da Galiza resistente como Manolo do Penso ou Fera Brava. Nado no Seixo en 1911, fai parte a finais de 1932 do núcleo fundacional da Irmandade Galeguista de Franza, sección local do Partido Galeguista na área de Mugardos, xogando un papel chave na reorganización desta agrupación após as medidas represivas tomadas contra a mesma tras a revolución de outubro de 1934 que implicará a ilegalización e a suspensión das súas actividades até xullo de 1935.

O 18 de agosto dese mesmo ano é elixido secretario de intervención do partido na localidade, incorporándose a un consello local formado por Gabriel Manso como secretario xeral e Filipe Bello Piñeiro como secretario de administración. Uns meses máis tarde, en decembro de 1935, no marco dunha renovación da organización, é nomeado secretario de organización, acompañando nas tarefas directivas Xosé André Pena como secretario de intervención, Gabriel Manso como secretario xeral, e outra vez o pintor Filipe Bello Piñeiro, auténtico animador do nacionalismo na localidade desde os tempos das Irmandades da Fala, como secretario de administración e educación.

Significouse na actividade sindical e na dinamización do Partido Galeguista en Mugardos

Integrado na nova equipa de dirección do nacionalismo en Mugardos, significouse na actividade sindical e na dinamización do Partido Galeguista na localidade que vai coñecer unha importante expansión até xullo de 1936. A nova orientación que se imprime á organización tras os sucesos de 1934 dotará de máis efectividade o traballo político, aumentando a súa presenza nos diversos núcleos do concello, o groso da militancia estaba concentrada no Seixo, anunciándose xa na primavera de 1936 a constitución dunha nova agrupación do partido en Mugardos, o que implicaría o seu desdobramento, respondendo á realidade xeográfica do concello e tamén a posición doutrinal da organización. Ao tempo, destacouse nos conflitos laborais levados adiante polos operarios das gabarras e barcazas que se dedicaban ao transporte de material de construción na ría de Ferrol, asumindo labores de responsabilidade na Unión Xeral de Traballadores.

Incorporado á clandestinidade tras a derrota da resistencia en Mugardos ao alzamento fascista, permanecerá agochado nos montes de Trasancos até que toma o camiño do exilio francés. O 20 de xullo de 1939, 27 antifascistas de Ferrol, Narón, Ares e Mugardos, despois de reducir a tripulación do barco facéndose pasar por gardas civís, bótanse ao mar no pesqueiro “Ramón” desde o porto de Ares, chegando dous días e medio despois ao porto francés de La Pallice, tras ser remolcados polo barco “Le Coubre”. Manuel Gómez non atopará a liberdade en Franza, pola contra co resto de fuxidos do “Ramón” será conducido ao campo de concentración de Argelés, un dos campos onde as autoridades galas mantiñan a boa parte refuxiados da guerra civil, sendo posteriormente, unha vez consumada a invasión nazi, entregado ao réxime franquista pola policía de Vichy 11 de xaneiro 1941.

A súa última etapa estivo marcada por un proceso de conflitos e depuracións dentro da guerrilla, seguindo as orientacións da dirección do PCE dirixida por Santiago Carrillo

Hai setenta anos, falamos de agosto de 1948, foi asasinado polos seus nas Fragas do Eume. Segundo testemuña un dirixente guerrilleiro exiliado en Franza, nun informe á dirección do Partido Comunista de España asinado en febreiro de 1952, “incorporouse á guerrilla en febreiro ou marzo do 48 sendo fusilado a finais de agosto do mesmo ano por provocador, vacilante” para continuar afirmando que retorna á loita clandestina unha ver que sae da cadea. Após ser devolto ao Estado español, permanece detido en Girona en 1941, sendo xulgado outra vez en 1942, pasa polos cárceres de Lugo e o castelo de San Filipe, saíndo en liberdade en 1947, onde contactado por Xoán Romero, o seu antigo compañeiro do Partido Galeguista, opera como enlace e correo da guerrilla até que é descuberto. Neste momento vese obrigado a subir ao monte, integrándose no batallón “Arturo Cortizas”, dirixido por Adolfo Allegue “Riqueche”, que facía parte da III Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza. Porén esta sería unha etapa breve, marcado por un proceso de conflitos e depuracións dentro da guerrilla, seguindo as orientacións da dirección do PCE dirixida por Santiago Carrillo.

Comentarios