Máis un couce á memoria histórica: medalla de ouro do concello de Baiona para Fraga

O galardón foille concedido no 2000, mais daquela gobernaba unha formación independente que considerou que o ex-ministro de Franco non merecía tal recoñecemento por autorizar unha carga policial na vila en 1991, cando era presidente da Xunta. Nin BNG nin PSOE asistirán ao acto de entrega, e Galiza Nova convocou un acto de rexeitamento desta honra municipal

As patadas á Lei de memoria histórica non deixan de se suceder nas últimas semanas. Após a estatua a Manuel Fraga que ergueron en Cambados e os títulos de fillos adoptivos da cidade que o concello de Marín resucitou para os fascistas Salvador Moreno Fernández e Pedro Nieto Antúnez, tamén ministros da ditadura, agora é o concello de Baiona o que quere entregar a súa medalla de ouro a quen foi presidente da Galiza entre 1990 e 2005, mais que primeiro traballou ao servizo de Franco como titular da carteira de Información e Turismo e como vicepresidente e ministro da Gobernación despois.

En contra da decisión tomada polo rexedor Jesús Vázquez Almuíña (PP), Galiza Nova vén de convocar unha concentración para esta terza feira --Casa Carvajal, fronte ao peirao, ás 19.45h--, cadrando co acto de entrega á familia Fraga do máximo galardón do goberno local. Lembra a organización xuvenil nacionalista que a concesión da medalla ao ex ministro franquista foi aprobada no ano 2000 nun pleno do concello en que o BNG votou en contra. Fronte ao argumento de que Fraga non aceptaba galardóns en vida --morreu en xaneiro desde ano--, o certo é que o galardón se lle entregará após doce anos porque daquela non era o PP o partido que ocupaba a alcaldía de Baiona.

Quen gobernaba, o independente Benigno Rodríguez, considerou electoralista a medida, para alén de que non entendían que a merecese ao consideralo responsábel das cargas policiais do conflito da Palma, o aparcadoiro subterráneo contra o que houbo unha importante manifestación convocada pola oposición, entendéndoo un proxecto especulador. O rexedor --Manuel Vilar, do PP-- defendía as obras e a mobilización acabou nunha dura carga policial en que dúas persoas resultaron feridas e catro foron detidas. Fraga era presidente da Xunta.

Di Vázquez Almuíña que Fraga merece o recoñecemento polo seu compromiso coa vila sobre todo ao redor do desenvolvemento turístico, e replícanlle desde a oposición que a "parafernalia anacrónica" do alcalde é "un despropósito", en palabras do PSOE; entrementres para o BNG é un acto "partidista" que o PP de Pontevedra aproveitará para celebrar "a festa do final das vacacións". Ningunha das dúas formacións políticas asistirá ao acto de entrega da medalla, que recollerá José Fraga, fillo do ex presidente da Xunta.

Pola súa banda, desde Galiza Nova sinalan que "Fraga non conta co apoio de boa parte da cidadanía para merecer o recoñecemento social que o concello vai realizar", apunta a organización nacionalista, que sempre mostrou unha postura contraria ás honras que calquera institución pública rendese ou pretenda render ao fascismo.

Comentarios