“Ó magoada Galizia que perdiche?” Cuestión de estética?

En febreiro de 1612 celebráronse en Galiza fastuosas honras fúnebres na memoria da Raíña Margarida, morta no Escorial, aos 26 anos, o 3 de outubro de 1611 “de achaque de sobreparto”, após o nacemento do seu oitavo fillo. A noticia chegou a Galiza no correo do sábado 15 de outubro, no correo ordinario, e axiña se decide facer á raíña “el mas grandioso y admirable funeral que jamas en Galizia se hubiese bisto”.

xoan4
photo_camera xoan4

En febreiro de 1612 celebráronse en Galiza fastuosas honras fúnebres na memoria da Raíña Margarida, morta no Escorial, aos 26 anos, o 3 de outubro de 1611 “de achaque de sobreparto”, após o nacemento do seu oitavo fillo. A noticia chegou a Galiza no correo do sábado 15 de outubro, no correo ordinario, e axiña se decide facer á raíña “el mas grandioso y admirable funeral que jamas en Galizia se hubiese bisto”.

Efectivamente, as honras foron especialmente solemnes, non sabemos se pola impresión causada pola morte dunha raíña tan nova ou polo importante parentesco que mantiña co arcebispo de Santiago, Maximiliano de Austria, de quen era prima. Ou, quen sabe, polo parentesco cos Condes de Lemos e Monterrei, daquela Pedro Fernández de Castro, VII conde de Lemos, empeñado en conseguir para Galiza o voto nas cortes, á altura depositado por Zamora e cuxa necesidade tan ben fundamenta no seu libro, El búho gallego haciendo cortes con las demás aves de España.

"A noticia chegou a Galiza no correo do sábado 15 de outubro, no correo ordinario, e axiña se decide facer á raíña “el mas  grandioso y admirable funeral que jamas en Galizia se hubiese bisto”.

Se cadra foron todas as circunstancias as que confluíron, mais as honras foron grandiosas e aparecen descritas nun libro “Relación de las exequias que hiço la Real Audiencia del Reyno de Galiçia á la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria”. Están descritas e postas en “stilo” por Ioan Gomez Tonel, veciño da cidade da Coruña. O libro, impreso en Santiago por Ioan Pachecho, leva aprobación eclesiástica de data 27 de febreiro de 1612 e licenza de publicación de 28 do mesmo mes e ano.

Problemas de protocolo

O 19 e  20 de febreiro de 1612 celebráronse en Compostela funerais pola Raíña Margarida de Austria. O segundo día, o 20, houbo un certo escándalo por unha cuestión de etiqueta, ou de protocolo: os bancos destinados á xustiza e ao Concello apareceron desprovistos das baetas negras que os cubrían. López Ferreiro recolle así o episodio na súa Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela. O Concello pretendía ter asento na capela maior “in scanno cum tapete” e o cabido opoñíase a esa pretensión de modo que ameaza (o Concello) con non asistir se non se repoñen as baetas”. Antes de llegar á la Catedral supo que el Cabildo había mandado quitar unas bayetas negras con que se hallaban cubiertos los bancos que se pusieran en la Capilla mayor. En vista de esto protestó y declaró que se retiraría si no se ponían las bayetas.” Non nos conta López Ferreiro como finalizou a historia, mais sen dúbida non foi máis que outro dos tradicionais conflitos de poder entre Concello e Cabildo.

"Na Coruña todas as campas tocaron durante 24 horas sen cesar; levantouse un impresionante monumento"

Na Coruña todas as campas tocaron durante 24 horas sen cesar; levantouse un impresionante monumento, “convocouse” un certame literario en Latín, Castelán e Galego, e as obras presentadas foron recollidas no libro antes citado. A descrición do túmulo e ornato fúnebre da igrexa é faraónica. O discurso terceiro do libro, que trata “de las poesías varias que en Latina, Castellana y Gallega lengua” houbo nas exequias, mostra toda a imaxinería barroca con exuberantes anxos que arrastran a raíña cara ao ceo; aguias coroadas que voan cara ao sol, pelícanos desangrándose polos peitos e epitafios, moitos epitafios.

O soneto e a falda

No libro aparecen dous textos en galego. Non sabemos se houbo máis. Na relación só se di "De las poesías gallegas que hubo en tan justa solemnidad se ponen aquí las que siguen”. E seguen dúas. A primeira un soneto titulado Respice Finem do licenciado Pedro Bazquez de Neyra e o segundo  un “Soneto con falda” da autoría de Gomez Tonel, que tamén ten abundancia de poesías en castellano e en latín no mesmo libro. O soneto en si pouco interesa, mais chama a atención xustamente a “falda” deste soneto. Fala dunha Galiza “de gando, leyte e novidad espida” e que finaliza, despois dunha reflexión (o mundo perde unha raíña, o rei a súa margarida, a virtude perde o exempro) cunha enigmática pergunta: 

tu que tal perda viche
ó magoada Galizia que perdiche?

Algúns estudosos -en concreto o profesor Alonso Montero- consideran que a presenza destes dous textos no libro, e tamén nas exequias, responde a motivos estéticos. Os autores utilizarían o galego coa mesma finalidade que se usa un determinado tipo DE metro, de rima, de recurso retórico. Pode ser. Ora ben, non esquezamos que por esa altura Góngora (a quen o conde de Lemos non quixo como secretario por máis que se achegou a Monforte para se ofrecer, segundo nos conta Victoria Armesto) e outros escritores españois despotrican contra Galiza canto queren: Oh, montañas de Galicia, Pálido sol, cielo encapotado.  Así que, como de momento esa hipótese da estética non se fundamenta en ningunha evidencia, prefiro acreditar que á altura de 1612 a conciencia de Galiza aínda non estaba tan morta como se nos quere facer ver, que se escribiu bastante máis en galego do que conservamos, que as cartas do conde de Gondomar non son estética e que a presenza deses dous textos non é casualidade nin azar, senón algo intencional. Cal a intención? Iso será o que hai que descubrir.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios