Madrid, a tirana das provincias: a revolta ourensá de 1869

A revolta ourensá de 1869 é unha expresión da oposición da sociedade galega ao proxecto centralizador no territorial e liberal económico imposto pola oligarquía española ao longo do século XIX.
Alegoría da loita entre federais e unitarios.
photo_camera Alegoría da loita entre federais e unitarios

Non existe a Galiza submisa. Un percorrido pola historia do noso pobo nas súas últimas centurias impugna o relato interesado, que nos fala dun país domado e sen vontade para responsabilizarse do seu destino. A revolta ourensá de 1969 é unha expresión da oposición da sociedade galega ao proxecto centralizador no territorial e liberal no económico imposto pola oligarquía española ao longo do século XIX. Estamos, ao fin, diante dunha das múltiples manifestacións da rebeldía galega coa reivindicación nacional e social como bandeira.

A orientación imposta polo partido oligárquico e militar ao proceso aberto após o estoupido revolucionario de setembro de 1868, rematou por defraudar as expectativas populares dunha mudanza de fondo na nosa sociedade. A proposta de constitución impulsada polo gabinete de Serrano e Prim, onde ficaba clarificado o seu programa político, abriu a porta a todo un ciclo de protestas na Galiza na segunda metade de 1969.

As protestas galegas contra a monarquía e o centralismo

A oposición ao proxecto centralizador da oligarquía española recibiu a resposta contundente da sociedade galega.

As mobilización contaron con grande seguimento ao longo do noso país, sendo despedidos moitos operarios no arsenal de Ferrol por negarse a xurar a constitución monárquica, significándose pola súa importancia as protestas desenvolvidas nas comarcas ourensás, onde os federais contaban cunha significaba penetración social. A inicios de maio rexistráronse manifestacións por este motivo en Ourense ou Ribadavia, acadando grande repercusión social e informativa o comicio celebrado en Xunqueira de Ambía coa presenza de tres mil persoas, onde  se criticou duramente o papel da igrexa e da Guarda Civil.

A restauración dos “santos foros dos dereitos dos pobos”

O 2 de outubro de 1869, os federais fanse co control da Ourense, depoñen e posteriormente deteñen as autoridades provinciais e proclaman a república federal. A xunta revolucionaria, formada por persoas de recoñecida militancia antimonárquica, fica composta por Francisco Casanova como presidente, Alexandre Quereizaeta como secretario, Salvador Nóvoa como vicesecretario e Guillerme Moreiro, Xosé Gómez, Federico Anta, Ramón Díaz, Xosé Noguerol, Facundo Santalla, Xosé Saborit, Marcelino Rodríguez, Benito Cobas e Carlos Pereira.

O programa da revolta, recollido nun manifesto publicado pola prensa o día 3, non deixa dúbida das súa alternativa, cualificando a “Madrid como tirano das provincias”, demandando a restauración dos “santos foros dos dereitos dos pobos por medio da verdadeira democracia” e solicitando “a liberdade, a igualdade, a fraternidade e a moralidade sincera”.

Un tenente da Guarda Civil e un soldado morto

A revolta de Ourense non tardou en ser derrotado, tras dislocar o goberno o 4 de outubro compañías militares doutras localidades á cidade. Segundo sinalaba La correspondencia de España o 7 de outubro de 1869, “ás 7 da mañá do día 2 foron presas todas as autoridades, agás o concello, pois algúns tomaron parte, apoderándose despois do goberno da provincia, tesourería e Telégrafos e desarmando a oficiais e soldados”.

Ao longo desa mesma xornada, producíronse diversos enfrontamentos armados  con efectivos do exercito e da Guarda Civil, significándose o celebrado na Ponte das Burgas, onde “os republicanos instan a tropa que se entregue, esta resístese e rompe fogo dunha e doutra parte, caendo morto un tenente da Guarda Civil e un soldado de infantería”. A resistencia prolonf¡garíase durante máis tempo no rural da cidade tras erguer os rebeldes barricadas. Porén, estas nada puideron facer contra os novos reforzos chegados doutras partes da Galiza.

O cárcere en Cádiz e o exilio en Portugal

A derrota do levantamento abriría a porta á represión dos rebeldes e dos seus dirixentes. Unha parte destes, entre os que se atopaban os cadros máis significados como Francisco Casanova, Alexandre Quereizaeta, Xosé Gómez, Federico Anta, fuxirían cara a Portugal, levando como reféns o gobernador civil e militar de Ourense, instalándose posteriormente en Coímbra e retornando a Galiza tras ser amnistiados en 1871, unha vez proclamada a I República.

Outro grupo, milicianos nacionais sen responsabilidade na organización da revolta, serían detidos, procesados e encarcerados, pasando a practica totalidade do seu cativerio na prisión militar da Carraca, en Cádiz.  Alexandre Quereizaeta, nun artigo publicado en La Igualdad en 1870 desde o seu exilio en Coimbra, dirixido aos seus compañeiros recentemente liberados, sinalaba “Queridos correlixionarios, ao fin vos atopades na nosa querida cidade após sufrir a sorte reservada aos defensores da xustiza, aos que aman a Galiza e a humanidade”.

Comentarios