Atacan o monumento en Cangas en lembranza a 11 asasinados polo franquismo

O monolito dos ‘Mártires de Anguieiro’ apareceu esta fin de semana luxado de verde e coas siglas Vox por riba dos nomes dos veciños asasinados no lugar o 28 de agosto de 1936. 

 

Monolito en memoria dos 'Mártires de Angueiro', en Cangas, saboteado pola extrema dereita. 
photo_camera Monolito en memoria dos 'Mártires de Angueiro', en Cangas, saboteado (Foto: Memoria Histórica 28 de agosto)

O 28 de agosto de 1936 once veciños de Cangas, afiliados a diferentes organizacións de esquerdas como CNT, Partido Socialista ou as Xuventudes Unificadas; foron ‘paseados’ en Anguieiro, na estrada que une a vila canguesa con Bueu. Eran mariñeiros, canteiros e albaneis, de entre 16 e 46 anos, aos que os golpistas non perdonaron a súa defensa da democracia. Só en Cangas os golpistas asasinaron medio cento de persoas. 

Esta fin de semana o monumento en homenaxe e lembranza a estes veciños asasinados foi atacado: apareceu pintado de verde e coas siglas VOX por riba dos nomes dos  ‘paseados’. 

O ataque xerou un profundo malestar na localidade, nomeadamente entre a asociación pola memoria histórica 28 de agosto, que cada ano organiza un acto ao pé do monolito.

Non é este o primeiro ataque que se produce na Galiza contra monolitos ou monumentos que lembran a asasinados polo franquismo. 

A memoria das vítimas da represión franquista é un dos albos preferidos da extrema dereita en Galiza. Aí está o ataque ao monumento á memoria das persoas represaliadas do Morrazo na Cruz de Maceira, que apareceu en agosto de 2014 pintado coa bandeira española e a aguia imperial e a lenda “los perdedores fuera de España”. As pintadas foron realizadas o día despois da celebración dun acto de exaltación falanxista na Igrexa vella de Marín.  

Non foi este o único caso, en outubro de 2017 foi atacado en Volta da Moura, Tui, o monumento que homenaxea as veciñas e veciños asasinados polo franquismo. Esnaquizaron a placa que lembraba as vítimas e botaron pintura verde sobre os nomes das persoas asasinadas.

En xullo de 2017 esnaquizaron o monumento aos carrilanos asasinados polo fascismo en 1936. A placa en Campobecerros na que se lembraba e homenaxeaba a estes obreiros asasinados foi atacada. 

En febreiro de 2011 a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica denunciaba a aparición de “pintadas fascistas” na placa do cemiterio de Lavadores de homenaxe a represaliados polo franquismo. “Non é a primeira vez que acontece”, denunciaban desde este colectivo.

En xullo de 2007, e por terceira vez en menos dun ano, foi atacado en Cerdedo o  monumento dedicado a Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, traballadores e militantes da CNT asasinados o 13 de agosto de 1936. Desta volta arrincaron a placa en lembranzados asesinados.

Os nomes do Terror

A partir desta terza feira, 3 de novembro, publicarse canda Nós Diario o colecciónábel Os nomes de terror. A publicación, que se vai distribuír co xornal da terza a sexta feiras ao longo dos meses de novembro e decembro recolle 34 traballos sobre os verdugos nos primeiros anos do franquismo

O coleccionábel onta coa participación de 23 autoras e autores de diversas xeracións e procedencias. Algúns deles fan parte das primeiras fornadas que comezan a estudar a represión en diferentes comarcas da Galiza a comezos dos anos 80, outros destacan pola súa mocidade, uns proceden do ámbito académico e outros do ámbito social. A publicación, coordinada por Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Xosé Ramón Ermida e Xoán Carlos Garrido, ten entre os seus colaboradores Xosé Álvarez, Carlos Meixome, Antón Mascato, Xesús Torres, Carlos Nuevo, Edelmiro Cerredelo, Xavier Moure, Manuel Pazos, Celso Milleiro, Xosé Novas, Fernando Vidal Collazo, Manuel Monge, Xosé Ramón Paz Antón, Manuel Pérez Lorenzo, Xabier Buxeiro, Rafael García, Mateo Martínez, Ana Cabana e Susana Aríns.

Comentarios