O lume de ERGA segue vivo após 50 anos

Hai 50 anos, falamos daquel decembro de 1972 onde a ditadura franquista segou a vida do estudante de Medicina  Chema Fuentes, nacía a vida política e social da Galiza Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA). Sen a súa loita e a entrega da súa militancia non se entende o capítulo contemporáneo do nacionalismo galego.

DIA DA PATRIA 1985
photo_camera Cortexo de ERGA na manifestación do Día da Patria Galega de 1985. (Foto: Xan Carballa).

Hai unha primeira ERGA. Aquela que nace en condicións de clandestinidade no compostelán Monte da Condesa en decembro de 1972, arredor dun grupo de militantes e simpatizantes nacionalistas de Compostela e Ferrol, atendendo a decisión da Unión do Povo Galego (UPG) de autorganizar aos diferentes sectores sociais da Galiza para a defensa dos seus intereses concretos e como condición imprescindíbel para a autodeterminación do país.

Esta primeira ERGA, presentada en sociedade con motivo das protestas que seguiron ao asasinato de Chema Fuentes, imprimiu unha nova dinámica ao movemento estudantil galego ao mesturar as reivindicacións académicas con aquelas de carácter máis xeral que até daquela hexemonizaban a práctica deste.

Fica desta primeira ERGA, a loita pola mellora da docencia, as protestas contra o autoritarismo do profesorado, concretada en campañas contra Lois en Vigo, De Pablos en Bioloxía de Compostela ou  Pablito en Lugo, o boicot a selectividade, o apoio as loitas xerais do movemento nacionalista, o avance de usos do galego no ámbito educativo e a articulación dunha estrutura organizativa para os estudantes, con presenza nos diversos niveis do país.

A segunda ERGA

Comeza unha segunda ERGA. A mesma arranca no curso 1975/1976 e alóngase até o ano académico de 1980/1981, caracterizándose pola entrada masiva de estudantes na entidade, que pasa a constituír unha poderosa organización de masas. Isto, veuse favorecido polas expectativas abertas após a morte do ditador, pola saída da clandestinidade e pola grande expansión nese período do conxunto do movemento nacionalista.

Son os anos das grandes protestas estudantís, da intensa presenza de estudantes nas mobilizacións nacionalistas, do traballo da militancia de ERGA no resto das organizacións de masas, daquel primeiro congreso de 1978, que xuntou a máis de 1.000 delegados na aula grande da Facultade de Económicas ou das presentacións e das entregas de carnés en todos os centros de ensino do país.

O tempo político aberto tras o golpe do Estado de 23 de febreiro de 1981, a consolidación da alternativa de reforma democrática fronte á ruptura, o desencanto diante a deriva reaccionaria da situación provoca unha grave crise no conxunto do nacionalismo galego, que afecta a organización estudantil coa perda boa parte da súa militancia e presenza territorial.

Novas perspectivas para ERGA

Chega o final de ERGA. Foron anos moi difíciles, cun nacionalismo moi debilitado e asediado desde diversas frontes, nunha situación de hostilidade social e institucional, porén a necesidade de actuar e ser útiles vai levar a organización a promover novas estruturas.

Se en 1982 ERGA participa do proxecto de constitución do BNG, pasando a ser a súa organización estudantil, no curso 1983/1984 impulsa a fundación dos Comités Abertos de Facultade (CAF), canda a militancia doutras organizacións políticas e persoas intendentes. As grandes protestas do ensino secundario do curso 1986/1987 levaron a ERGA e replicar unha estrutura semellante para ese nivel educativo, que deu co tempo paso ao Comités Abertos de Estudantes.

A necesidade de impulsar unha organización xuvenil nacionalista que acollera a toda a mocidade, fora ou non estudante, levou a ERGA a proceder a súa disolución en 1988, para dar paso a creación de Galiza Nova, onde se integraron a totalidade dos seus adherentes.

Hai unha ERGA que continúa viva. Aquela formada por toda militancia da organización nos seus 16 anos de vida, a que encheu de cadros ao resto do movemento nacionalista, desde o ámbito sindical e social ao ámbito institucional, a que achegou razóns e argumento a milleiros de mozos e mozas para querer ao país.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
comentarios