Luís Bará publica o libro 'Non des a esquecemento' sobre a represión no franquismo

O deputado e concelleiro vén de publicar 'Non des a esquecemento. Relatos do xenocidio fascista en Galiza, da resistencia e da solidariedade', un libro sobre memoria histórica que recompila os artigos publicados no seu blog. 

luisbara
photo_camera Luís Bará

O Instituto de Estudos Miñoranos vén de sacar do prelo esta obra que é "froito de tres anos de traballo: entrevistas, lecturas, escrita", segundo afirma o propio autor, que agora comeza a presentalo por todo o país. A primeira parada será a vindeira cuarta feira no Museo de Pontevedra. 

Di no epílogo: "é a resposta a unha necesidade vital: a procura da verdade e da xustiza arredor das vítimas da represión franquista en Galiza"

Este libro é unha compilación dos artigos publicados no blog Non des a esquecemento ao longo de case tres anos, desde comezos de 2014 a setembro de 2016. Mais sobre todo, afirma o actual deputado do BNG no epílogo, "é a resposta a unha necesidade vital: a procura da verdade e da xustiza arredor das vítimas da represión franquista en Galiza, a vontade de contar o que pasou nun relato emocional, subxectivo, belixerante, impregnado da memoria oral, receoso dos informes oficiais e afastado tamén da neutralidade e da distancia de moitos estudos académicos".

O libro recolle episodios da represión en Vilaboa, concello natal de Luís Bará; relatos de mulleres represaliadas; unha crónica "fragmentaria" do terror vivido en San Simón; unha homenaxe ás "casas refuxio" que acolleron persoas fuxidas; xunto con outras historias acontecidas en terras de Pontevedra, O Morrazo, Vigo ou o Salnés. 
 

Comentarios