PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA NO 36

López Bouza, o home que voltou a Ferrol a defender a República

O presidente e o vicepresidente da Deputación da Coruña -José López Bouza e Ánxel Casal- estaban en Madrid o 18 de xullo de 1936 xunto con Castelao por mor da entrega do Estatuto de Galiza nas Cortes. Pero eles dous, en contra da opinión do rianxeiro, deciden voltar a defender a legalidade republicana. Xa coñeciamos a Casal, pero quen era José López Bouza?

lopezbouza
photo_camera José López Bouza

O vindeiro 28 de xullo a Deputación da Coruña homenaxeará na súa sede a alcaldes, concelleiros e concelleiras e membros da Deputación asasinados, así como o seu presidente López Bouza ou o seu vicepresidente Ánxel Casal. E un día despois, no pleno ordinario desta institución, retiraranselle os títulos honoríficos de Francisco Franco, máximo responsable da sublevación e da posterior represión.

Esta é a primeira homenaxe institucional ao presidente da Deputación naquela malfadada época, o ferrolán José López Bouza, aínda que en 2006, con Salvador Fernández Moreda no Goberno, xa incluíran o seu retrato na galería de presidentes do organismo provincial, nun acto discreto no que participou a súa familia. 

Anarquista e logo republicano

lopezbouza-caricaturaNos últimos anos as investigacións sobre a represión sacaron do esquecemento a figura dun home moi destacado no Ferrol da época. Eliseo Fernández, autor da súa única biografía (‘José López Bouza, do anarquismo ao republicanismo (…)'. Ediciós do Castro. Sada. A Coruña, 2002), explica que “en Ferrol tivo un papel moi destacado a varios niveis, tanto no movemento obreiro e no anarquismo nos anos 10 como na II República, cando foi unha das persoas significadas dentro do republicanismo galego”. 

López Bouza comezou militando no anarquismo na emigración arxentina, e alí formou parte do movemento obreiro até que é expulsado en 2011. Entón retorna a Ferrol “e implícase moito nas actividades anarquistas da cidade”, segundo o seu biógrafo. Daquela é un dos organizadores do Congreso Internacional da Paz en 1915. “Son anos bastante convulsos”, explica Fernández, “el traballaba como plomeiro na construtora naval e houbo unha folga moi forte a finais de 1913 e el foi o único despedido a consecuencia diso”. Logo, é detido no Congreso e o seu defensor foi Casares Quiroga, chegando a converterse na súa persoa de máxima confianza.

“Home forte” de Casares

Segundo Eliseo Fernández, a súa evolución cara ao republicanismo ten que ver con Casares, pero tamén coa súa vida persoal. “Algún dos seus fillos dicíame que cambiou un pouco a actividades menos comprometidas sindicalmente a raíz de que casa e comeza a ter fillos”. E a relación co político coruñés lévao a militar no republicanismo, sobre todo a partir do ano 1918. E na II República xa é un dos homes fortes en Galiza, “primeiro da ORGA, logo do Partido Republicano Galego e despois de Izquierda Republicana”. 

Chegaría a ser nos anos 30 gobernador civil de Ourense e logo de Lugo, por decisión de Casares Quiroga, que daquela era ministro de Interior. No ano 36 implicouse a fondo na campaña do referendo estatutario. Non sendo galeguista, pois viña dunha “formación clásica internacionalista”, o seu biógrafo afirma que probablemente sería da “facción máis galeguista de Izquierda Republicana, que tiña unha parte ben máis xacobina”. 

En Madrid o 18 de xullo

Foi por mor do Estatuto que el estaba en Madrid o 18 de xullo, facendo parte da comisión que entregou o documento ao presidente das Cortes, Martínez Barrio. “A entrega foi o día 15, e Azaña creo que os recibiu o 17, e alí estaba toda a comisión do Estatuto, que era moi numerosa, de xente das deputacións, concellos e partidos. El, Ánxel Casal e Tomás López da Torre, alcalde de Betanzos, deciden voltar cara a Galiza, o que supuxo a súa condena de morte”, conta o historiador.

retrato-lopezbouza

Para chegar a Ferrol atravesa zonas en control dos sublevados e “dálle tempo a participar na defensa da cidade”. “El chega á súa casa no barrio de Esteiro, vai ao Concello, onde estaba organizada a resistencia, e alí é onde o deteñen, xunto con outros representantes populares, como o alcalde de Ferrol, Xaime Quintanilla”, conta o historiador. “A el lévano á cadea e xúlgano e condéano a cadea perpetua. Pero logo sácano e execútano irregularmente” o 30 de agosto no cemiterio de Canido (Ferrol). 

Hoxe, unha rúa e unha asociación veciñal da súa cidade levan o seu nome. E o seu fillo, o pintor José Manuel López Fernández (Ferrol, 1918 - Madrid, 1996), escolleu os apelidos do seu proxenitor, López Bouza, como nome polo que sería coñecido. 

Comentarios