"Se lle quitou o ducado a Cristina, que lle tire tamén os títulos aos franquistas"

Ducado de Franco, Señorío de Meirás, Marquesado de Arias-Navarro, Marqués de Queipo de Llano... a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña diríxese a Felipe VI para que retire os títulos nobiliarios dos franquistas. 

[Imaxe: Wikipedia]
photo_camera CRMH no Pazo de Meirás

Se Felipe VI retirou o ducado a súa irmá e ao seu cuñado, tamén pode quitar os títulos nobiliarios concedidos por Francisco Franco e o Rei Juan Carlos a golpistas e distintas figuras upadas pola ditadura franquista. É o argumento da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña que o día 23 rexistrará un escrito dirixido ao Rei na Delegación de Goberno da Coruña no que reclama que, coa mesma potestade, retire os títulos que se lle concederon a cargos franquistas. 

“Manter hoxe eses títulos nobiliarios non só é unha ofensa ás vítimas da ditadura franquista, senón unha auténtica vergoña para España. A comunidade internacional non pode entender que se conceda unha distinción honorífica como un título nobiliario a persoas con este tipo de biografías, que non merecen outra cousa que o repudio do conxunto da sociedade”, sinalan na carta. 

Asasinos que son "Grandes de España"

Pregúntanse como se lle puido conceder un título nobiliario á filla de Franco uns días despois da súa morte e como se poden recoñecer como “Grandes de España” aquelas persoas que participaron na represión do franquismo ao tempo que cuestionan que algo similar puidera acontecer en Alemaña ou Italia. 

Entre os títulos nobiliarios aos que se refiren, citan o Ducado de Franco concedido a Carmen Franco, o Señorío de Meirás, que se lle outorgou a Carmen Polo -que unha vez desaparecido Juan Carlos lle concedeu ao seu neto Francisco Franco pola súa petición-, Marquesado de Arias-Navarro, Ducado de Mola,  Marqués de Queipo de Llano, Duque de Carrero Blanco,  Conde do Alcázar de Toledo, Duque de Calvo Sotelo ou Duque de Primo de Rivera.

É a segunda vez que a Comisión diríxelle unha carta ao Rei. Na outra ocasión, que coincidiu coa súa visita á Coruña, chegou de volta un acuse de recibo. Agora piden que, ademais de confirmar a recepción poña data a súa execución. 

Comentarios