A Falanxe da Ramallosa en tempos de ferro e lume (1936-1939)

Limpando a retagarda, a represión no Val Miñor

Non só houbo vítimas, tamén verdugos. Tendemos a mudar a vítima en heroe e a revestir o verdugo dunha maldade desmesurada. Poderiamos centrarnos nos enlamados na conspiración, na baixeza moral dos asasinos, limitarnos ao cabo Pena, ao Rabioso, aos “civís” Rúa Cabanas ou Gutiérrez Peón, ao “cívico” Alonso Vila, a Gerardo 'Fandiño', Roade, Lusquiños ou aos que decidían sobre a vida e ordenaban a rapaces que a roubasen. Foron moitos máis. Uns poucos non serían quen de facer aquela carnaxe.
A Falanxe da Ramallosa desfilando en Sabarís, no concello de Baiona.  (Foto: Arquivo J. González)
photo_camera A Falanxe da Ramallosa desfilando en Sabarís, no concello de Baiona. (Foto: Arquivo J. González)

A brutal persecución desatada no Val de Miñor desde a véspera do día Santiago de 1936, festa en Sabarís, cando o tomaron os sublevados, non foi obra duns cantos nomes que a memoria popular identificou coa perversión moral, senón dun aparato organizado, mesmo desde antes do golpe de Estado, perfeccionado nos meses de lume e ferro, consolidado desde abril de 1937 até o final de guerra para servir de sustento, durante catro décadas, ao réxime ditatorial.

A Falanxe da Ramallosa: a fundación

A partir de maio de 1938, pacificada e controlada a retagarda, procedeuse á  formalización burocrática da denominada FET-JONS. Os militantes debían renovar os seus carnés cumprimentando unha instancia na que debían achegar os méritos realizados na acción contra o marxismo.

Daquela xa caera en desgraza o seu primeiro dirixente, Gerardo González Fernández. Este, na súa ficha repasa o seu percorrido político até que forma a Falanxe e asume a xefatura, o seu é o carné nº 1. Nese cargo continuará “hasta que en julio de 1937 me relevaron”. Coñecido como Gerardo 'Fandiño', este “propietario y rentista” residía en Sabarís.

En carta adxunta á instancia dirixida ao, na altura, xefe local Julio Roade Niel, o gran contrincante de 'Fandiño' pola xefatura, o auxiliar de farmacia Celso Milleiro Sampedro afirma que a Falanxe fundouse “el 10 o 11 de julio del 36” e “como aquello se hacía entonces ocultamente no fue oficial”. A fase clandestina confírmaa o industrial de S. Cristina, Avelino Costas Gonda, que aduce como mérito ter achegado 100 pesetas á organización o 28 de suño 1936, data do plebiscito do Estatuto. 

Baixo a legalidade dos sublevados, constitúese o “10 de agosto de 1936” como indica José Pereira Troncoso a quen “se le asignó el cargo de tesorero”. Desde esa, Gerardo 'Fandiño' exerceu a xefatura até que, tras os denominados “sucesos de Salamanca” (abril de 1937), foi destituído. Franco emitiu daquela o “Decreto de unificación” polo que a anterior FE-JONS mudaba en FET-JONS e incorporaba os requetés e a extrema dereita monárquica. Desde o 15 de xullo dese ano a Falanxe da Ramallosa estará dirixida polo veterinario Julio Roade Niel.

A incorporación dos monárquicos, algúns deles activos na política republicana, provocou gran malestar entre os falanxistas, tanto en tempos de 'Fandiño' como nos de Roade, amosando este último unha gran resistencia a admitilos. Tiveron que aceptalos.

O párroco de S. Cristina, José Gómez Alonso, conseguirá ser nomeado capelán da Falanxe e despois provocou a intervención do xefe Suevos e, en especial, do secretario provincial Ramón Babé, quen lle recorda ao xefe local que non é motivo de exclusión de ninguén que formase parte dalgún partido político, agás que fose da FP ou tivese participación activa ao servizo da república.

Agora o que che prestaría é seguir a ler este tema? Procura este novo capítulo do coleccionábel 'Os nomes do terror' co teu Nós Diario de hoxe, dispoñíbel nos quiosques ou na nosa loxa online. Para aforrar tempo os próximos días, agardamos a túa subscrición!
 

Comentarios