CARLOS NUEVO CAL, HISTORIADOR

"Este libro vai ser moi importante para axudar a perder medos"

Carlos Nuevo, cronista oficial de Viveiro, leva desde a mesma Transición estudando a represión franquista e vén de publicar un artigo sobre os vitimarios na Mariña luguesa dentro da obra 'Os nomes do terror' que vén de publicar Sermos. E esta sexta feira participará na presentación que terá lugar en Ribadeo na Casa das Letras, xunto co alcalde da vila, Fernando Suárez, Xavier Rivera, Xoán Costa e Xosé Ramón Ermida. 

Carlos-Nuevo-Cal (1)
photo_camera Foto superior: Carlos Nuevo Cal / Foto inferior: fascistas en Mondoñedo

- Como foi a represión na Mariña luguesa?

- A represión deuse por parte de militares e elementos fascistas sobre todo en Viveiro, en Ribadeo e na Pontenova. Trátase de tres vilas que contaban con importantes continxentes proletarios cuxa represión acadou uns índices realmente arrepiantes. E tamén Mondoñedo, a pesar de non tiña esa puxanza proletaria que tiñan as outras debido ás minas, ao traballo do mar, as conserveiras e da fábrica de Chavín. Pero fóra diso tamén chama a atención a represión sobre os partidos republicanos, como Izquierda Republicana ou Unión Republicana. Os motivos son comúns ao resto do país e do Estado, en canto que a represión está totalmente estruturada, e aínda que parte dun fracaso dun golpe de estado fallido que se converte nunha longa Guerra Civil, a pesar diso o fracaso dos sublevados obrigounos a xustificarse ideoloxicamente, tratando de converter a conspiración nun alzamento nacional de gran calado. Ao ser minoritarios poñen en marcha un mecanismo represivo impresionante que tiña certo cariz africanista en canto que moitos directores da sublevación foran os militares africanistas e o que fan é desfacer o estado democrático imperante e autolegalizarse. E así acusan ao goberno legal de traición e de rebelión, é o mundo ao revés. De feito as causas chaman moito a atención. E isto axudado coas delacións dalgúns veciños e, sobre todo, coa colaboración de corpos parapoliciais como foi a Falanxe.

Fascistas Mondoñedo.

- Un dos protagonistas da represión na Mariña foi o Coche do Cangreso, tamén chamado do Centolo, que mesmo entrou na cultura popular e había nais que ameazaban os nenos dicíndolles "como non te portes ben vai vir o Coche do Cangrexo". 


- Hai moita mitoloxía arredor, pero o Coche do Cangrexo foi real. E non houbo un só coche, había máis: en Viveiro e en Ribadeo. O do Cangrexo en cuestión creo que era de Viveiro, era un camioneto que vendía peixe e marisco. Este coche, como moitos outros, tiveron moito que ver coa represión, e tamén en Asturias, porque a medida que ían gañando terreo en Asturias os falanxistas da Mariña ían alá a facer barrabasadas, cometeron bastantes asasinatos tamén alí. E no artigo fálase deste coche nun artigo de Nova Galicia de Barcelona, onde se dan unha serie de nomes de participantes na represión que ían neste coche. 


- Dis que houbo moitas dificultades para coñecer os nomes dos autores materiais. Por que?

- Pois é moi difícil porque pasaron moitos anos e a xente segue tendo medo. Aínda que fale por abaixo, outra cousa é sacar unha declaración, e se non o consegues non serve de nada. Unha ditadura tan longa coma esta deixou unhas secuelas incribles. Hai xente que aínda ten medo a que volva acontecer algo do mesmo calibre. 

A represión deuse por parte de militares e elementos fascistas sobre todo en Viveiro, en Ribadeo e na Pontenova

- Que outros problemas atopaches á hora de investigar estes feitos?

- A parte do medo, principalmente que isto é un traballo que había que ter feito hai moitos anos. Hai moita xente que xa non vive e a memoria vai desaparecendo. E ese tempo longuísimo de ditadura deu lugar á impunidade: por unha banda, que foran morrendo os protagonistas, e por outra banda, a desaparición física leva consigo moitos segredos que se perden. 

- Dis tamén no artigo que se cebaron especialmente cos mestres, con uns 50 represaliados na comarca. 


- Hai sete ou oito asasinados, e uns cincuenta represaliados. Foi así porque o maxisterio da Mariña era moi evoluído, moi concienciado, sobre todo pola influencia de Cuba e de Arxentina, debido ás sociedades de instrucción que levaban anos traballando na Mariña. E, sobre todo, pola colaboración que tiña na prensa local de Ribadeo e Viveiro, que era moi importante e axudaba a concienciar á xente. E os golpistas tiñan moi claro que a cultura era importante para convencer á xente, de aí que queimaran libros e reprimindo o maxisterio, que o consideraban a vangarda que concienciaba as clases populares. 

A medida que ían gañando terreo en Asturias os falanxistas da Mariña ían alá a facer barrabasadas, cometeron bastantes asasinatos tamén alí

- Como chegaron os represores da Mariña até a Transición? Continuaron no poder?


- Houbo historias de todo tipo. En xeral formaban parte da engranaxe do sistema, beneficiáronse con prebendas e morreron como morreu o dictador, na cama, sen ningún tipo de responsabilidade. E na Transición coa Lei de Amnistía tapouse todo. E convertiuse nun tema tabú do que non se fala e parece como se non acontecese nada. 

- Que cres que suporá este libro para a historiografía desta época? Animará a outros investigadores para continuar traballando  nesta liña?


- Eu creo que vai ser moi importante para axudar a perder medos e, sobre todo, tamén a dar visións micro, que son as fundamentais para logo ter a visión global. Pero sobre todo é fundamental para que a xente perda o medo. Eu agardo que na charla vai haber moita xente e a partir de aí poden xurdir novos datos porque haberá xente que conte experiencias que descoñecemos. Este libro pode ser un punto de saída a novas investigacións, porque todos nós somos xente con traxectorias longas nesta temática e aínda temos moito que sachar.

Eu agardo que na charla vai haber moita xente e a partir de aí poden xurdir novos datos porque haberá xente que conte experiencias que descoñecemos

- Ti levas estudando este tema desde os 80, non?


- Desde o 79, cos arquivos pechados e todo pechado, e falando con xente que o vivira. Iso deume unha visión diferente, porque non é o mesmo que atopas nun arquivo que un testemuño directo. Tiven a sorte de falar con moita xente que o vivira directamente, pero a desgraza é que ao non estar abertos os arquivos fallaban datas e datos que non podías contrastar porque non tiñas acceso aos arquivos. Esa foi a desgraza: a dictadura fíxoo tan ben que chegamos moi tarde. Estes traballos tiñan que estar feitos hai 40 anos ou hai 25, como moi tarde. Foi moi tarde, porque cando se abriron os arquivos os protagonistas xa morreran. 

Comentarios