O libro-CD 'Acorda' rescata a memoria histórica

A Deputación de Pontevedra  presentará este sábado o libro-disco de Acorda coa actuación de Uxía e Sheila Patricia. 
Uxía e Sheila Patricia no documental (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Uxía e Sheila Patricia no documental (Foto: Deputación de Pontevedra).

Este sábado terá lugar a presentación por parte da Deputación de Pontevedra do libro-disco de Acorda coa actuación de Uxía e Sheila Patricia (Pontevedra, Pazo Provincial, 12 horas).

O evento será a culminación do proxecto homónimo do departamento de Memoria Histórica da institución provincial dirixida pola deputada María Ortega, que pretende dar a coñecer lugares e feitos de memoria na provincia a través da música. 

A nova publicación, baixo o título Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra, inclúe un lapis de memoria co audiovisual de Alba Díaz e outro dispositivo coas cancións interpretadas polas voces diversas e reivindicativas de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre, Uxía e Su Garrido.

Na parte da edición inclúense textos de Montse Fajardo e Lois Pérez, e fotografías do como se fixo o documental. 

Chegar a todo o público en xeral

A intención deste proxecto, segundo explican nun comunicado, é "achegar ao público xeral a memoria histórica a través dun formato non habitual".

Por este motivo no documental fan un percorrido por diferentes espazos singulares e de importancia para a memoria histórica na provincia de Pontevedra, ben por ser lugares nos que se produciron execucións, de enterro ou relacionados coa República: a antiga ‘Escola Normal’ en Pontevedra; a Ponte Regueiro, na Estrada; o Pozo da Revolta, en Marín; a praia de Massó en Cangas; a praia de Alcabre (Vigo) ; a Bombardeira ou Volta dos nove (Baredo); a Volta da Moura (Tui); e finalmente a Illa de San Simón (Redondela). O documental tivo xa a súa estrea oficial no Ourense Film Festival.

Comentarios