A liberdade de facer burla do rei

No século XIX era bastante común facer mofa da monarquía española durante o antroido galego. Botamos un ollo a esa tradición, que aparentemente ten feito unha excepción co novo Borbón, da man dun novo traballo de Xoán Costa.

taller

Durante bastantes anos a monarquía española foi tema tabú, mesmo na coplas de entroido. Mais as constantes caídas do Borbón, quedas en todos os sentidos, xa for na neve, diante de elefantes ou de algunha princesa, fixeron que nos derradeiros anos as críticas directas ao rei e á corte figurasen entre as máis exitosas letras de carnaval. Certo que non se cuestiona a institución e que o foco se pon naqueles aspectos máis morbosos da figura do rei ou do seu entorno familiar. E tamén é verdade que esas críticas desapareceron coa chegada ao trono do novo Borbón e que no antroido de 2015 as referencias foron máis ben a situacións de corrupción derivadas do caso Noos.

O tabú da monarquía

En días pasados publicaba neste mesmo espazo un texto que, partindo dunha carta de Francisco de la Iglesia, deixaba ver o papel das sociedades recreativas na Coruña do século XIX  e especialmente na organización das festas do antroido ao tempo que facía referencia a algúns dos problemas da cidade reflectidos na burla e na ironía carnavalesca. 

Mais non mencionei daquela que no mesmo texto Francisco de la Iglesia tamén satiriza a vida licenciosa da raíña Isabel II cunha velada, ou non tan velada, referencia á súa vida privada e á  do seu marido, e primo, Francisco de Asís de Borbón, o rei rotulado popularmente como Dona Paquita e etiquetado como homosexual mesmo en coplas que circulaban libremente pola corte, como esta: 

Gran problema es en las Cortes
Averiguar si el consorte
Cuando acude al excusado
Mea de pie o mea sentado

Como se dixo na entrega anterior, no ano 1858 Isabel II e Francisco de Asís de Borbón, en compañía de varios fillos e membros do goberno, visitan Galiza. Xosé Alfeirán recolle pormenores desta visita nun artigo publicado en La Voz de Galicia de 24 de novembro de 2013. Cóntanos como os reis, procedentes de Asturias, chegan á Coruña o 5 de setembro de 1858. Con eles ven o príncipe de Asturias, Alfonso, de dez meses. Descansan nunha elegante tenda de campaña de damasco carmesí en terreos próximos ao que hoxe é o teatro Colón; o príncipe Alfonso vai vestido con traxe de labrador galego e á raíña organízaselle  unha xornada de pesca de sardiña á altura do Seixo Branco, onde agardaban dúas lanchas que, a unha orde dela, e mentres cantaban: "Ya los barcos con presteza/Van cercando la mar/Ya los diestros pescadores/Van las redes a lanzar" fan unha serie de manobras e en breve asoma á superficie un grande cardume de sardiñas, prateadas, rebulindo nas redes.

Non era fácil xustificar un herdeiro bastardo. Nesta tarefa de lexitimar a descendencia non estaba só. Contaba tamén co apoio da Igrexa, do mesmo papa Pío IX
 

Mais non é por isto polo que a raíña, e o rei, figuran nas coplas do enterro da sardiña de 1860
F. de la Iglesia, que en anos anteriores fixera versos de boas vindas á raíña, chosca agora un ollo ao público acudindo ao feito, ben coñecido, de que, posiblemente, ningún dos 11 fillos de Isabel II fose fillo do rei, que non mantiña relación coa raíña; que o herdeiro Alfonso XII era, supostamente, fillo de Enrique Puigmoltó e de aí a copla: 

“Coa pedra solosofale
Dime home! E trai boa pinta
o herdeiro? É como o pai?

O herdeiro, Afonso XII, tiña na altura de 1860 pouco máis de 2 anos. O rei estivera presentando por todo o reino o príncipe Alfonso como o seu fillo lexítimo. E por facer iso cobraba. Un millón de reais por presentar en sociedade e recoñecer en público a paternidade de cada un dos once fillos da raíña. Non era fácil xustificar un herdeiro bastardo. Nesta tarefa de lexitimar a descendencia non estaba só. Contaba tamén co apoio da Igrexa, do mesmo papa Pío IX, padriño de bautismo de Afonso XII, que concedeu á raíña a Rosa de Ouro como personalidade católica preeminente a pesar de todos os escándalos sexuais da raíña (claro que o valor desta distinción é relativo, se pensamos que o rei Henrique VIII de Inglaterra recibiu tres: unha do papa Xulio II, outra de León X e unha terceira de Clemente VII en 1524).

Máis difícil é interpretar a continuación da copla. 

El verá os curuxoles?
Inda che soube atinar!
Cantos tocaron as conchas
por facer tales miragres!!
Afitando no negocio
Co chis das deficultades!!!

Paréceme que tamén a hai que interpretar en clave sexual, con tres palabras básicas a salientar: Unha é “curuxoles” A palabra “curuxol só aparece recollida por  Ben-Cho-Shey no libro O barallete en Santa Marta de Moreiras. Monografía dunha parroquia ourensán co significado de “candil”. Con significado tan restrito non parece probábel que De la Iglesia introducise a palabra na copla de enterro da sardiña.

Mais hai outra forma, ”cruxol” co significado de “recipiente” u mesmo co de “parte inferior dun alto-forno onde se acumula o metal fundido” que si podería facer referencia a “forno”=vaxina canto non é infrecuente utilizar, de maneira coloquial,  a palabra “enfornar” para se referir ao acto sexual. Quizá, no mesmo contexto, haxa que interpretar “tocar as conchas” e “afitar” co significado de “tascar” “espadelar”.

É un falar. Son coplas de antroido. A mesma sociedade coruñesa que as escoitou en 1860 apoiou entusiasticamente a revolución de 1868 que puxo a raíña en Franza. Nese ano os irmáns Bécquer prepararon un libro titulado Los Borbones en pelota, onde nun cento de imaxes con texto se fai unha sátira tremenda de toda a corte, incluída a parte eclesial representada polo confesor real e por Sor Patrocinio. Sería difícil imaxinar hoxe algo similar.

As ilustracións que acompañan este artigo están tiradas do libro Los Borbones en pelota, da autoría dos irmaos Bécquer, Valeriano e Gustavo Adolfo, aquel autor das pinturas e este dos textos.

Comentarios