Leonor Giménez: "O alumnado de Historia está intoxicado de tanta información que nada lle sorprende"

A Facultade de Historia do campus de Ourense da USC puxo en marcha este curso académico o Premio 'Xente que fai Historia: Como ensinas Xeografía e Historia?'. Nel, convidábase ao profesorado desta materia de Educación Secundaria Obrigatoria dos centros educativos galegos a presentar os seus proxectos de ensino máis innovadores. A iniciativa gañadora foi para o proxecto interdisciplinar 'Cartas desde a miña trincheira', da profesora Leonor Giménez, do IES Ricardo Mella de Vigo, que implicou ao alumnado de 4º curso.
A profesora de Historia do IES Ricardo Mella de Vigo, Leonor Giménez, co recoñecemento do premio (Nós Diario).
photo_camera A profesora de Historia do IES Ricardo Mella de Vigo, Leonor Giménez, co recoñecemento do premio (Foto: Nós Diario).

-En que consistiu ese proxecto?

Tratamos o tema da I Guerra Mundial e unha das súas fases é a guerra de trincheiras. A idea foi que o alumnado se puxera na pel dun soldado ou dunha enfermeira que atende os feridos. Para ambientarse tiñan que entrar na páxina web The Canadian Letters, un proxecto canadiano que recolle cartas de soldados que participaron en moitas guerras, tamén na que nós estudamos.

A correspondencia está toda escaneada e tamén hai fotografías, postais e mesmo obxectos. Tiñan que escoller e lelas para ambientarse. O traballo consistía en facer unha carta envellecendo o papel e co formato correspondente. Tamén houbo oportunidade de traballar co departamento de inglés polo idioma en que estaban escritas.

-Que descubriron neste traballo?

Moitas cousas. Dúas rapazas escolleron a correspondencia dunha enfermeira e salientaron o papel de inflexión que representou esta guerra para as mulleres. Ao mobilizarse tantos homes para ir ao campo de batalla, as mulleres entrarán de cheo na vida civil. Ao seu remate, todas as demandas, como é o caso das sufraxistas e o recoñecemento dos dereitos civís, xa non se lles pode negar. Mesmo participaron na guerra e contribuíron ao esforzo bélico!

Involucráronse tanto que houbo mesmo un caso que manchou coa súa sangue a carta para darlle realismo. Malia ter que ler unha carta houbo unha alumna que as leu todas dun soldado descubrindo que a última era dun amigo que escribía á familia para dicirlles que morrera. Descubriron que a guerra non ten nada de epopea, é un noxo.

-É difícil para o profesorado de Historia captar a atención do alumnado?

Hai esa idea de que as aulas de Historia son moi pesadas. Recoñezo que é complicado escapar dese tópico e interesar ás rapazas e aos rapaces. A min o que me interesa é motivalos e que vexan que as fontes primarias, como neste caso a correspondencia que é a intrahistoria, son as que emprega a historiadora ou o historiador que logo ven nos libros. Non todo son leis e discursos, tamén xurde destas reflexións da xente normal. O de darlles todo feito quedou no pasado agora teñen que crear. Neste caso a través dunha carta na que tiñan que introducir os datos que descubriran tamén nos libros de texto. Desta maneira a aprendizaxe é moito máis profunda.

-Cre que hai material abondo para a súa materia?  

Cando eu estudaba tiñamos como material os libros e a partir deles había que argallar o tema en cuestión. Agora pasa todo o contrario. Hai tal cantidade de información que é peor para o alumnado. Están como intoxicados de tanta información e nada lle sorprende. 

Atopan todo en Google e eu como profesora teño que dicirlles cales son os mellores contidos e desbotarlles outros. Esta é a nosa función. Hai que ter un criterio para saber cales son os documentos e as páxinas a consultar e cales non valen. Para o alumnado o que está en internet é como o que estaba publicado nos libros para nós. Pasa o mesmo coa televisión. Unha experiencia dura para nós foi esta pandemia. 

Pasar da clase presencial á virtual foi terríbel mais serviunos para estar máis abertas a explorar as novas tecnoloxías. É todo moi novo e aínda que esteamos a favor das novas tecnoloxías hai que aprender a empregalas que é o problema que temos. A cuestión é que estamos aprendendo todas e todos ao mesmo tempo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios