A lección da escola asasinada polo fascismo

A escola republicana era unha muller que quería cambiar as cousas, que sabía que o ensino era unha das mellores armas para acabar coa desigualdade. Por iso, o misóxino franquismo descargou sobre ela a súa ira. Baleirouna de coñecemento para enchela de crucifixos e desbotou das súas aulas a xente comprometida. A represión sobre a escola foi o maior dos castigos, pero hai leccións que é imposíbel borrar da historia. Eis un extracto da peza publicada no número 326 de Sermos Galiza.

A estradense Conchita Pazo no Colexio Madrid de México
photo_camera [Imaxe: Arquivo persoal de Xoán Carlos Garrido] A estradense Conchita Pazo no Colexio Madrid de México

3Nos albores do século XX, apenas sabían ler tres de cada dez galegos, non chegaba a dúas de cada dez galegas, e a situación non tiña trazas de mellorar, pois só estaba matriculada unha de cada dúas criaturas en idade escolar e só a metade desa cifra acudía con regularidade a unha aula que, ademais, tiña moi escaso apoio institucional. A escola pública era moi precaria e o peso da instrución recaía maioritariamente nas mans da Igrexa.

O desolador panorama complicábase na Galiza pola total marxinación da lingua, desaparecida na fala da docencia, nos libros de texto e mesmo perseguida cando chegaba á escola por boca do alumnado. “Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espríto dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era mal e falar castelán era falar ben”, denunciaría xa desde o exilio Castelao no seu Sempre en Galiza.

As Irmandades da Fala intentaron dar resposta a esta situación coa posta en marcha das Escolas do Insiño Galego, que na súa presentación xa deixaban clara a orientación, como recolleu A Nosa Terra: “Non lle abonda a Galicia que os seus fillos sepan ler i escribir. Galicia precisa que os seus fillos lean i escriban na súa fala para que a sintan, que estuden na súa xeografía para que a coñezan e coñecéndoa quéirana”. Foron seis cursos nos que o editor Ánxel Casal impartiu aos nenos coruñeses un ensino distinto. A mestra Elvira Bao era a encargada de facer o propio coas nenas, pero nunca acadaron matrícula suficiente. A escola non era cousa de nenas.

[Podes ler a peza íntegra no número 326 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios