A lei rompería co ordenamento xurídico español

Junts Pel Si, a CUP e CSQP queren declarar nulo o franquismo

A iniciativa da Comissió per la Dignitat, Junts Pel Si, a CUP e Catalunya Si que Es Pot pretenden aprobar no Parlament unha proposición de lei que rompería co ordenamento xurídico español e co poder xudicial, pois anularía as sentenzas dos consellos de guerra franquistas.

suarezconfranco_grande
photo_camera Franco con Suárez

Na orde do día do pleno previsto para o 19 de outubro, Junts Pel Si, a CUP e Catalunya Si que Es Pot queren incorporar a anulación das sentenzas políticas do franquismo a instancias da Comissió per la Dignitat, unha proposición de lei de reparación xurídica das vítimas do franquismo.

Esta sería a primeira lei de “desconexión”  da “soberanía concedida polo pobo de Catalunya”, ao romper co ordenamento xurídico español e mais co poder xudicial ao anular as sentenzas dos consellos de guerra franquistas.

No primeiro artigo, a proposición da Comissió per la Dignitat emprázase a declarar nulos e sen efecto xurídico ningún todos os consellos de guerra sumarísimos e as súas correspondentes sentenzas, instruídas por causas políticas en Catalunya polo réxime franquista. Aliás, faculta o Govern para regular o sistema que forneza as familias dunha “certificación de nulidade do procedemento e a sentenza correspondente”.

A normativa que se votaría o 19 de outubro, xulgaría, valoraría e sentenciaría o franquismo e acabaría co silencio e co esquecemento imposto pola transición

De se aprobar, a normativa que se votaría o 19 de outubro, xulgaría, valoraría e sentenciaría o franquismo e acabaría co silencio e co esquecemento que a transición deitou sobre os crimes do franquismo e sobre a represión.

La Vanguardia fixo públicos os dous primeiros artigos da citada proposición, que serían os seguintes:

Art.1: Decláranse nulos e sen efecto xurídico todos os consellos de guerra sumarísimos e as correspondentes sentenzas, instruídos por causas políticas en Catalunya polo réxime franquista de acordo co Bando de 28 de xullo de 1936, o Decreto de 31 de agosto de 1936, o Decreto número 55 do 1 de novembro de 1936, a Lei do 2 de marzo de 1943, a Lei de 18 de abril de 1947, o Decreto 1794/60, de 21 de setembro, e o Decreto Lei 10/75, de 26 de agosto.

Art. 2: O Departamento de Xustiza da Generalitat de Catalunya, de acordo coa presente lei, emitirá a solicitude dos procesados ou dos seus familiares unha certificación da nulidade do procedemento e sentenza correspondentes.

Comentarios