Jacobusland, a pegada vikinga na Galiza

O país foi saqueado en diversas ocasións polos normandos como ficou rexistrado nas crónicas da época mais tamén no propio territorio e no patrimonio inmaterial do pobo galego. 

Torres do Oeste
photo_camera Torres do Oeste (Catoira)

A serie de televisión Vikings, unha coprodución canadense e irlandesa, deunos a coñecer internacionalmente mais foi o rito desenvolvido polos xogadores da selección islandesa de fútbol en cada encontro da Eurocopa o que recuperou a épica normanda. 

A historia destes pobos guerreiros e saqueadores atravesa Galiza. Así o recollen as crónicas galegas e escandinavas nas que foron rexistradas as diversas incursións vikingas acontecidas a partir do século IX. 

A primeira incursión vikinga na Galiza foi documentada no século IX

Así as cousas, o xornalista e divulgador Manuel Gago amósase en conversa con Sermos Galiza "convencido" de que se produciron máis das documentadas pois "a posición de Galiza, entre o Atlántico Norte e o Mediterráneo, foi un punto importante para pasar o inverno" procedentes das costas francesas e da Bretaña. Asemade, "hai un grande número de mosteiros", infraestruturas "ricas e fáciles de saquear" que posuían grande interese para eles, sinala. 

Arqueoloxía 

Facían "ataques moi rápidos, acampaban no litoral, próximos ás naves" e, embora a pegada que deixaron no país "é escasa" en termos arqueolóxicos mantéñense numerosas "fortificacións" na costa construídas co obxectivo de avistar e defender o territorio da chegada dos normando mais tamén de piratas sarracenos. 

"A posición de Galiza, entre o Atlántico Norte e o Mediterráneo, foi un punto importante para pasar o inverno"

Eis o caso das Torres do Oeste (Catoira) ou a propia muralla de Compostela, hoxe desaparecida, construída no século X como arma defensiva perante o temor dunha invasión vikinga ou sarracena. 

Porén, non só o litoral foi obxecto de saqueos por parte dos normandos. "Polas crónicas sabemos que un grupo supera O Cebreiro, que unha das invasións estivo [na Galiza] durante bastante tempo e que mesmo se adentraron cara ao interior" chegando a Curtis e remontando o Ulla, sinala Manuel Gago. "As formas que tiveron de penetrar foi através dos antigos camiños romanos". 

"Non seguían un patrón determinado, dependía das circunstancias"

Neste senso, subliña Gago, a "chave" para entender o comportamento vikingo nas incursións "é a palabra oportunismo". "Non seguían un patrón determinado, dependía das circunstancias" mais, advirte, "as fontes medievais xogan unha mala pasada", explica, pois "a visión que temos vén dada pola igrexa e polo tanto é unha visión nesgada, demonizada, ao seren uns dos principais agredidos". Porén, "nas crónicas escandinavas temos outra [visión]". E é que, "hai unha na que se fala de como tentan chegar a un acordo coa poboación labrega da zona para pasar o inverno" propóndolles un troco ao que os moradores responden apelando ao señor, posuídor dos bens. Un comportamento que racha coa idea xeralizada de saqueos e asasinatos. 

Así as cousas, a hitoria reflite tamén esa imaxe. "Sabemos que na Galiza se facían moitos secuestros, operacións moi documentadas" e para os vikingos "rendíbeis". Documentos "moi interesantes", subliña Manuel Gago, porque refliten o "valor dunha persoa" na época. "Unha espada, unha vaca, sal...". 

"Sabemos que na Galiza se facían moitos secuestros, operacións moi documentadas"

Memoria oral 

A pegada que deixou a presenza vikinga na Galiza vai alén do patrimonio arqueolóxico e material documentado nas crónicas e trascende á memoria oral da poboación. Unha ollada histórica desde unha perspectiva pouco habitual e aínda por investigar, sinala Gago, contida nas lendas transmitidas xeracionalmente pola poboación local e recollidas, en parte, por Xelmírez nas súa historia compostelá. "Fálanos de labregos case nómades" agochados durante o verán en "estenucas", covas graníticas situadas no alto das montañas, para fuxir das incursións vikingas e piratas. Unha intersección entre xeografía e poboación que exixe dun ollar histórico desde a posición "dos humildes" fronte á tradicional ollada "aos poderosos"

"Quedaron abraiados pola herdanza cultural"

O patrimonio --material e inmaterial-- que deixaron os vikingos na Galiza será recollido nun capítulo do documentario que a produtora  Take5 Productions grava de maneira paralela á emisión da serie Vikings. O propio Manuel Gago acompañou a equipa deslocada até o país para a gravación. "Quedaron abraiados pola herdanza cultural" desaparecida en boa parte de Europa mais tamén ficaron sorprendidos pola "paisaxe e tradicións" galegas onde mesmo podería ter irrompido Ragnar Lodbrok, a personaxe histórica na que se centran as primeiras tempadas de Vikings e que, embora "non estar totalmente constatado", podería ter chegado a Galiza. "Polas cronoloxías pode que fose un dos líderes". 

Comentarios