“Isto non soluciona os crimes do franquismo nin nada…”

Asociacións de memoria histórica e activistas valoran a exhumación dos restos de Franco como “un avance” nas políticas públicas, pero advirten que o esencial está por facer. "O Estado non se dá desfeito de Franco”, opina Carlos Babío. "Hoxe empeza todo", defende o avogado Eduardo Ranz, un dos impulsores da exhumación desde a extinta Dirección General de la Memoria Histórica.

Telmo Comesaña
photo_camera Telmo Comesaña. Abaixo: Carlos Babío.

Telmo Comesaña ten 85 anos e pasou a vida buscando o rastro do pai e dun tío que foron executados en outubro do 36. Telmo é a voz e a conciencia da memoria histórica de Vigo e das asociacións de medio país. “Isto non soluciona os crimes do franquismo nin nada…”, di en conversación telefónica con Sermos Galiza, en referencia a noticia de que seis xuíces do Supremo confirmaron a decisión do Goberno de Estado de retirar os restos de Franco do Val dos Caídos.

“Isto non soluciona os crimes do franquismo nin nada… Quedan as leis, como esa lei de amnistía de 1977 ou a trampa da lei da Memoria Histórica que rexeitamos 79 asociacións en todo o Estado; están os xuíces; as cruces, como esta do Castro en Vigo; pero sobre todo están as foxas, as cunetas, as vítimas e os familiares que seguen buscando aos seus”.

Telmo Comesaña pensa que a exhumación do ditador “é un simple xesto propagandístico do partido no poder”, e di que isto non atende o sufrimento, “a dor, como se colleran esas cruces, a de Cuelgamuros ou a de aquí, e lles deran a volta e nolas cravaran”.

“A exhumación chega 44 anos tarde”, resume Carlos Babío, neto de represaliada e principal artífice da demanda sobre Meirás. “Sorprende que algúns políticos diga que con isto temos rematado un proceso. Cal? O Estado non se dá desfeito de Franco”, opina Babío, “sácano dun lugar que é de Patrimonio do Estado e lévano outro, El Pardo, que é de Patrimonio do Estado”. 

“Chega moi tarde, si”, intervén Fernando Souto, fillo de represaliado e presidente da Comisión da Memoria Histórica da Coruña (CRMH). “É un pasiño, pero o camiño é longo, nunca se acaba… faltan centos de quilómetros: as vítimas, as foxas, e os espolios como os de Meirás ou a Casa Cornide”. Mais Souto saúda a decisión do Supremo como “medida de normalidade democrática” nun Estado que “non pode consentir que se exalten determinados valores que van en contra da democracia”.

Eduardo Ranz, avogado, asesor da Dirección General de la Memoria Histórica, o organismo público que impulsou o proceso de exhumación e conseguiu, en setembro do ano pasado, sacar do Congreso un decreto de urxencia para exhumar o ditador -172 votos a favor, 164 abstencións e 2 votos en contra-, acaba de volver a seu despacho profesional tras rematar o breve recorrido da primeira dirección xeral de memoria que se crea no Estado, que durou o que durou o goberno Sánchez saído da moción de censura.

“Hoxe non remata nada; máis ben, hoxe comeza todo”, afirma Ranz, convencido de que as políticas de memoria aínda están por despegar en España. “O que si é certo”, explica, “é que o Estado de Dereito ao completo actuou sobre esta cuestión da exhumación: primeiro, o Consello de Ministros; despois, o Parlamento; e agora, o Poder Xudicial”.

Ranz considera que o que teña que dicir a Igrexa ou os recursos diante do Constitucional ou no Tribunal de Estrasburgo que poida presentar a familia Franco son “cuestións menores” que “non van paralizar a exhumación”.

Carlos Babío“Pero o Estado seguirá pagando o mantemento das tumbas de Franco e da súa muller, Carmen Polo”, insiste Babío. “Na miña opinión, a tumba de Carmen Polo en Mingorrubio [o cemiterio do Pardo, en terreos cedidos á empresa funeraria por Patrimonio Nacional] e unha tumba privadas, o mesmo que a da familia en La Almudena [o outro destino que se discutiu para os restos]. Pero Mingorrubio era a mellor opción, está apartada da cidade, a un quilómetro do Pardo, entre establecementos militares e cun horario de visita restrinxido… por iso foi a elixida polo Goberno”, explica Ranz.

“Non avanzamos na reparación das vítimas”, sinala Babío. E Telmo conta unha historia deste verán, cando as entidades galegas da memoria se reuniron na homenaxe anual en San Simón. “Viñeron uns andaluces, bisnetos e tataranetos buscando un nome. Chamábase Francisco Merino Valenzuela e matárano en Lavadores no 41. Aquí en Vigo quedou moita xente que era de fóra. Sigue vindo familias e preguntan. E nin no Concello nin en ningures lles informan de nada. Non hai dignidade ningunha para as vítimas”. 

“Hai que limpar todo isto: a cruz, as foxas, o sufrimento”, remata Telmo, “o que fan cos restos de Franco agora non é máis que un xogo. Enredan. O mesmo que pasou coa lei da memoria histórica: aí está, unha trampa… como diciamos nós”.

Comentarios