Isabel Algarra, a man de santa dos patriotas presos

Naceu galega en Madrid. Andaluza de Xaén , a terra dos “aceituneros altivos” que escribiu Miguel Hernández e cantou Paco Ibáñez , fixo súa a nosa patria alá pola década dos anos vinte, da man do seu compañeiro na vida e na loita Xosé Ramón e Fernández Oxea. 

Isabel Algarra e Fernández Oxea
photo_camera Isabel Algarra e Fernández Oxea

Non residiu en Galiza máis de cinco anos, partidos entre Ourense e Lugo, mais como galega e por galega aprendeu e falou o noso idioma, militou no Partido Galeguista, Sabela Algarra rexistra o libro de afiliados do vello Partido, asinou cantos chamados e manifestos elaboraron as mulleres nacionalistas, foi apartada durante catro anos do seu posto traballo como funcionaria do da admistración de xustiza por “ideas separatistas”, exiliouse canda o seu Ben-Cho-Shey, seguíndoo no desterro, en Cáceres e Madrid e alí aínda seguiu a exercer de galega, segundo as súas propias palabras en carta a Ramón Piñeiro, desde que “ me nacionalice como tal el 30 de Junio de 1930 el día que contraje  matrimonio con mi Pepe Ramón”.

"Remata por converterse na trabe mestra daquel grupo de apoio aos patriotas presos que dirixía o  Ben-Cho-Shey e que financiaban principalmente o Álvaro Xil e o Fermín Penzol".

Foi a man de santa dos presos nacionalistas. Unha vez encadeados en 1946 os dirixentes do Partido Galeguista Ramón Piñeiro, os irmáns Saco e Evaristo Mosquera facéndose pasar por curmán do primeiro, aproveitaba a coincidencia no segundo apelido co de Lancará, o seu traballo como funcionaria do poder xudicial e tamén a influencia dos irmáns Rosón, na altura destacados falanxistas, remata por converterse na trabe mestra daquel grupo de apoio aos patriotas presos que dirixía o  Ben-Cho-Shey e que financiaban principalmente o Álvaro Xil e o Fermín Penzol. A nosa galega andaluza, Isabel Algarra, a partir de ai foi unha militante multiusos, era a lavandeira que se fixo cargo do roupeiro dos detidos, era a cociñeira que facía chegar todas as semanas á cadea comida para os catro, era o correo que sacaba e metía cartas familiares, correspondencia orgánica ou directrices. Non houbo semana neses catro anos que durou a estadía do último dos presos en saír que a Isabel Algarra non pisase a cadea. 

Non tiña máis forza ca do patriotismo. Xosé Bieito Abraira que visitou ao Ben-Cho-Shey en Madrid en 1950, no seu informe ao Consello de Galiza, referiuse impresionado sobre este episodio da militancia da a Algarra afirmando que “Non e galega; pro canto paisano vai a cadea por aitividades patrióticas cerca da Vila do Oso e Madroño, conta coa sua esistenza desintresada, tenra e heróica. Os nosos presos non lles falta nunca ren, gracias a sua astucia e dilixencia. Facendose irman dos galeguistas unhas veces, prima outras e amiga sempre. Logra introducir os nosos patriotas na cadea o cariño e axuda dos que teñen ainda a ilusión d-algunha liberdade na celda enorme que demarcan hoxe os límites da penínsua. Iste asunto dos nosos presos e tamen consolador saber que son os que mais axuda reciben en todol-os ordes: alento, adhesión e cariño no espritual e patriótico no material, deica onde o permiten as circunstancias e ardides dista mañífica dona que os coida, roupa, tabaco, víveres, etc.”

"O compromiso a tempo completo. Así viviu a militancia, enfrontando o nacionalismo de lei con aqueloutro nacionalismo apócrifo que se abría paso da man de quen durante anos se reclamou curmán"

O compromiso a tempo completo. Así viviu a militancia, enfrontando o nacionalismo de lei con aqueloutro nacionalismo apócrifo que se abría paso da man de quen durante anos se reclamou curmán. Non lle faltou valor e naquel debate entrou de cheo facéndolle chegar  a Piñeiro as diverxencias dela e do Ben- Cho-Shey. Así en carta remitida o de Láncara o 11 de Novembro de  1958 afirma “Tu sabes que la ínica ilusión de mi marido ha sido su tierra y el galleguismo, que por servirlo no ha dudado en expner todo, incluso a mi en sus mismos peligros” para rematar aseverando “Si yo solo pensara en mi y en mi hija, te diría que casi alegro de vuestra posición, porque estoy cansada de que todo lo referente a vosotros y a Galicia sea lo preferido para el, pero mi egoismo no llega a tanto porque esta es una pelea entre mi marido y vosotros para salvar a su madre, que tambien es la mía y pense que tambien la tuya, te hablo de Galicia”

Morreu galega en Madrid. A súa vida foi loita, loita tamén pola familia  tras a morte do seu irmán en 1942 en Xaén e da súa irmá en Soria en 1951 que lle obrigou a facerse cargo de facto dos fillos e fillas dos mesmos, loita pola filla, aquela Mabeliña cantada polos meirantes poetas galegos que hoxe reside en Alacant, loita polo Pepe Ramón contra unha enfermidade que rematou por vencer,  loita contra as dificultades económicas que non remataron por aliviarse e loita, tamén pola súa condición de derrotada naquela dictadura. A vitoria sempre é dos que dedican a súa vida ao triunfo do ideal, é Isabel Algarra López esta con nos porque é exemplo resistente de comportamento as duras, porque é lealdade nos principios fronte as tentacións de coller o atallo, porque é camiñante no deserto que sabe que non hai travesía longa se as convicións son certas, porque é vitoria do ideal e non ideal da vitoria

Comentarios