Irmandiñas, a presenza das mulleres no movemento galeguista

Aurora Marco dá o prelo un gran estudo sobre a materia
montagem 2
photo_camera De esquerda a dereita, Juana Muñiz do Partido Galeguista de Asados; Ermitas López Verdes, do grupo feminino da Irmandade da Coruña, e Carmen Sende, tamén de Asados. Imaxes: Cedidas.

Ermita López Verdes era apenas unha nota ao pé na historia do galeguismo. Compañeira de Lois Peña Novo, primeiro concelleiro nacionalista e membro significado das Irmandades da Fala, o relato dominante sobre as décadas prodixiosas do movemento -de 1916 a 1936- deixábaa en zona de sombra. Mais o labor "practicamente detectivesco" da investigadora Aurora Marco (Noguera de Albarracín, Teruel, 1948) devolveuna á luz. López Verdes foi mestra, e unha das animadoras da "sección feminina" das Irmandades da Fala nun ano tan temperán coma o de 1918. A súa figura é a dunha das moitas mulleres galeguistas cuxa vida e obra ficaban na marxe. Irmandiñas titúlase o volume de 500 páxinas  que Marco dedica ao seu rescate. Publicarao en marzo Edicións Laiovento.

Desde que en 1993 escribiu As precursoras, a historiadora aplica a perspectiva de xénero nas súas pescudas sobre a memoria democrática da Galiza. "Mais Irmandiñas naceu en 2016, no centenario das Irmandades, cando se organizaron moitas actividades e percibín que a presenza das mulleres era testemuñal", explica a Nós Diario. Iniciou daquela o percorrido polas fontes que constitúen o seu ensaio: a prensa, d'A Nosa Terra voceiro irmandiño a xornais galegos ou cataláns; arquivos particulares; fundacións como a Illa Couto ou a Peña Novo; e familiares directos como María Luísa Bouza Álvarez, Amalia Bóveda, Elvira Bao ou Manuel Peña-Rey.

Aínda con orixe na conmemoración do século das Irmandades, Aurora Marco ampliou o territorio de estudo. "Arredor delas agromaron unha serie de iniciativas en que as mulleres eran fundamentais", di, "os coros e os cadros de declamación, as agrupacións dramáticas, as mulleres do Seminario de Estudos Galegos, que non foron moitas pero hóuboas, como socias activas e como socias protectoras...". Non por acaso no manifesto da Asemblea Nazonalista de Lugo, convocada en 1918, xa constaba unha defensa da igualdade entre homes e mulleres, lembra. "A nivel práctico, iso si, as cousas resultaron un pouco máis difíciles".

Os grupos femininos comezaron a agromar adheridos a cada Irmandade. O primeiro, e máis activo, foi o da Coruña, no que militaban a propia López Verdes, Micaela Chao ou Antonia Pardo. A escolla da directiva serve de exemplo das limitacións na praxe do feminismo irmandiño: quen falou non foi ningunha das dirixentes, senón Peña Novo e outros homes. En Ourense as mulleres tamén se organzaron autonomamente dentro da Irmandade. E intentárano en Betanzos ou na Estrada.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios