Investigador@s da Galiza reúnense na XIV Semana Galega de Historia

O franquismo, a memoria histórica e a investigación historiográfica son protagonistas estes días na Coruña e Oroso no encontro anual que organiza a Asociación Galega de Historiadores/as. Mañá rematán no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa coa actuación de Mini e Mero.

Unha posta ao día de boa parte dos traballos e liñas de investigación que se veñen desenvolvendo en Galiza nos últimos anos arredor do Franquismo e a denominada Memoria Histórica é o obxectivo desta actividade que realiza cada dous  anos a Asociación Galega de Historiadores/as (AGH). A XIV Semana Galega de Historia comezou onte na Coruña, continúa hoxe en Oroso e rematará mañá neste último concello. Nesta ocasión, este encontro monográfico trata o franquismo, a memoria histórica e a investigación historiográfica.

A AGH conseguiu reunir a especialistas de todas as universidades galegas xunto a membros de asociacións de base

A reflexión de historiadoras e historiadores arredor deste período negro da nosa história servirá como unha posta ao día da cuestión. As xornadas comezaron na Faculdade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (UdC) e despois en Sigüeiro, capital do concello de Oroso. Ponencias, documentais e a exposición "Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso" no Centro Socio-Cultural Casas e Novoa de Sigüeiro. A partir do programa preparado polos contemporaneístas, profesores da UdC, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e Carlos Velasco Souto, os historiadores Emilio Grandío, Bernardo Máiz, Aurora Marco, Julio Prada, Dionísio Pereira, Lourenzo Fernández Prieto e Eliseu Fernández, entre outr@s, son relator@s neste novo encontro de ámbito nacional.

Beatriz Castro, coordinadora da Semana e especialista en Historia Moderna, apunta que os resultados, polo de agora, son "máis que interesantes". A AGH conseguiu reunir a especialistas de todas as universidades galegas xunto a membros de asociacións de base. Entre as novidades que se presentan está a catalogación e análise das imaxes do NO-DO que tratan sobre Galiza entre 1942 e 1981. Este traballo que parte da investigación realizada na USC por José Luís Castro, Natalia Alonso e Héctor Paz preséntase ao comezo da xornada.

Comentarios