Trátase dunha fortaleza tardoantiga

Investigación arqueolóxica no Faro de Budiño do Porriño

Ao esclarecemento da historia do territorio que actualmente ocupa Galiza aínda lle faltan pezas. Unha delas é o tempo en que, deica novas descubertas, se construíron unha ampla serie de asentamentos fortificados: entre a fin da época romana e a Idade Media. O Faro de Budiño, no Porriño, por exemplo. Que agora someterá a unha intervención arqueolóxica o grupo Síncrisis da facultade de historia da Universidade de Santiago.
 

faro de budiño
photo_camera O Faro de Budiño, no Porriño.

“O Faro de Budiño está relacionado está relacionado cunha serie de asentamentos fortificados localizados na Galiza coñecidos pola súa xeral indeterminación”, sinalan desde Síncrisis, “que teñen características moi concretas que as diferencias dos comunmente coñecidos como castros da Idade de Ferro”. Ate agora apenas investigados, inzan a xeografía galega, o norte da Península Ibérica e da Itálica e o sur do Estado francés.

O investigador predoutoral Mario Fernández Pereiro ten como obxecto de estudo estes recintos fortificados e é un dos responsábeis da campaña arqueolóxica do Faro de Budiño. “O obxectivo principal da intervención é afondar na caracterización arqueolóxica deste xacemento, co fin de tentar entender as súas fases de ocupación”, indican nunha nota remitida aos medios de comunicación, “é a primeira vez que na Galiza se vai realizar unha intervención arqueolóxica destas características nun destes asentamentos”.

Esas características son unha metodoloxía baseada nas técnicas de teledetección e prospección en campo. O grupo de investigadoras exporá á veciñanza do lugar as súas intencións este domingo, 4 de marzo, ás 17.00 horas no local da asociación cultural A Forna en Budiño.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios