martes 01/12/20

A Iniciativa pola Memoria esixe que se investigue o atentado fascista ao monumento de Marín

A Iniciativa Galega pola Memoria esixe a “pronta e fonda” investigación sobre o atentado ao monumento á memoria na Cruz de Maceira, en Marín. É a segunda vez que aparece pintado desde que se inaugurou hai dous anos. 

Día da Memoria na Illa de San Simón
Día da Memoria na Illa de San Simón

A Iniciativa Galega pola memoria, que agrupa a entidades e asociacións memorialísticas, esixe das autoridades competentes a “pronta e fonda investigación sobre o acontecido”, e que se establezan as medidas e sancións correspondentes. 

A agrupación de entidades de recuperación da memoria condenaron a través dun comunicado o atentado ao monumento ademais de denunciar”a gravidade do acto, en claro desprezo  á dignidade das persoas vítimas do franquismo, na defensa das liberdades e da xustiza social, como da orde constitucional naqueles intres”.

Mostran tamén o seu apoio á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, que promoveu o monumento, e préstanse a participar nas iniciativas que se presenten para “poñer en valor” este espazo da memoria da comarca do Morrazo que definen como “símbolo da recuperación da dignidade colectiva”. 

O monumento apareceu esta terza feira pintado coa bandeira española e a aguia imperial coa lenda “los perdedores fuera de España”. As pintadas foran realizadas o día despois da celebración na igrexa vella de Marín dun acto de exaltación falanxista. 

comentarios