Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo

Iniciativa Galega pola Memoria denunciará en San Simón “a xustiza ao revés” que protexe o franquismo

Até cincocentas persoas xa confirmaron a súa participación na homenaxe nacional ás vítimas do fascismo que cada ano organiza a Iniciativa Galega pola Memoria na Illa de San Simón, antigo campo de concentración franquista, e que se realizará o vindeiro domingo 21 de xullo. Nesta edición denunciarase a “xustiza invertida” que ampara o legado franquista e reprime a quen denuncia os crimes e o espolio da familia Franco.

Illa de San Simón
photo_camera Illa de San Simón

A Illa de San Simón acollerá unha nova edición da homenaxe nacional ás vítimas do fascismo. Este enclave situado na ría de Vigo e que foi campo de concentración durante varios anos do franquismo recibirá un ano máis cincocentas persoas chegadas desde distintos puntos da Galiza.

Nesta edición o acto centrarase na denuncia da “xustiza inversa”, tal e como sinalou a Sermos Galiza a investigadora e xornalista Montse Fajardo, unha das voceiras da Iniciativa Galega pola Memoria.

“Estamos a ver como a familia Franco segue campando con impunidade mentres investigadoras e investigadores como Carlos Babío son denunciados por esa familia polo feito de documentar e esixir a devolución do patrimonio roubado polo ditador e que segue nas mans da súa familia”, afirma Fajardo

“Estamos a ver como a familia Franco segue campando con impunidade mentres investigadoras e investigadores como Carlos Babío son denunciados por esa familia polo feito de documentar e esixir a devolución do patrimonio roubado polo ditador e que segue nas mans da súa familia”, afirmou Fajardo en referencia á denuncia que os herdeiros de Franco presentaron nos xulgados contra Babío, autor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, editado pola Fundación Galiza Sempre en 2017.

O acto chega este domingo 21 de xullo á súa décimo terceira edición, as tres primeiras (2006-2008) foron organizadas desde a Xunta de Galiza co goberno do BNG e o PSdeG, mais coa chegada de Alberto Núñez Feixoo á presidencia eliminouse, e foron os colectivos sociais agrupados na Iniciativa Galega pola Memoria quen o retomaron en 2010 e desde entón organízao esta entidade anualmente.

O acto chega este domingo 21 de xullo á súa décimo terceira edición, as tres primeiras (2006-2008) foron organizadas desde a Xunta de Galiza co goberno do BNG e o PSdeG

O acto central desta edición estará conducido pola xornalista e escritora Ana Cabaleiro. Intervirá tamén Carlos Babío, quen explicará como a riqueza e o patrimonio espoliado polo ditador segue en mans dos Franco. Pola Asociación Cultural O Galo falará Elvira Cienfuegos, quen fará lectura dun documento sobre unha persoa torturada polo franquismo. O historiador Xosé Ramón Ermida lembrará os represores do franquismo aínda vivos.

Estarán presentes tamén representantes da Coordinadora estatal de apoio á querela arxentina simbolizando a loita contra a impunidade nos tribunais internacionais e denunciando as trabas para conseguir reparación das vítimas na xustiza española. Ángel Gómez, torturado polo policía franquista Billy el Niño, falará en nome desta coordinadora.

Estarán presentes tamén representantes da Coordinadora estatal de apoio á querela arxentina simbolizando a loita contra a impunidade nos tribunais internacionais e denunciando as trabas para conseguir reparación das vítimas na xustiza española

Os barcos saen desde o peirao de San Hadrián de Cobres, no concello de Vilaboa, desde as nove da mañá, mais na IGH xa teñen as 500 prazas das que dispoñen completas, e están traballando xa cunha lista de agarda.

Ao mediodía arrincará o acto nacional. Previamente o deputado do BNG e investigador da memoria histórica Luís Bará realizará un roteiro pola Illa de San Simón explicativo do pasado deste espazo como campo de concentración fascista. Após o acto, ás 13 horas no peirao das verbas, haberá un micrófono aberto para intervencións e poesía.

Comentarios