UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Imposición e febleza da identidade española

Identidade española. España. Imperialismo español.

Até o século XVI, cando se unifican as coroas de Castela e Aragón, non aparece o termo España ou Españas no senso político, isto é, como monarquía, reino ou reinos, e non será até a chegada dos Borbóns no século XVIII cando se impoña a denominación de Rei de España. Denantes habería que falar, na metade oeste do actual Estado español, de identidade castelá, pois os mesmos reis intitulábanse de Castela, León, Galicia, señor de Vizcaya, de Molina de Aragón e, desde o século XVI, de Aragón, de Navarra e Granada (as dúas por conquista), etc. Quen lea o Quixote poderá observar con claridade as dúbidas que tiña en adxudicarlle a patria a calquera personaxe, que ían desde a localidade, a cidade, a rexión, até chegar a España. O mesmo termo nación tiña nesa época, séculos XVI e XVII, unha significación lingüística (de nación biscaíña que equivalía a vasca, de nación catalá etc.) e non política. A identidade española acada os puntos máis álxidos en momentos bélicos, cando sofre invasións foráneas, a Guerra da Convención (1793-95), a Francesada (1808-14) ou a Guerra Civil (1936-39) no bando franquista.

A identidade española non resulta atractiva, porque é forzadora, esixe a adhesión increbable e non é froito dun pacto (foedus) voluntario e libre. Sempre se adornou fundamentalmente con tres trazos: o carácter impositivo, a febleza nacionalizadora e a dialéctica constante entre agregación-disgregación.

Neste senso, a identidade española contén cinco elementos: centralización zugante, imposición normativa, salvagarda da identidade, oposición á diversidade, e euro-escepticismo acochado.

A CENTRALIZACIÓN ZUGANTE. Realizouna Castela ao incorporar os reinos de Galiza, Asturias e León, marxinando, absorbendo ou aniquilando as súas linguas e institucións. O mesmo faría durante o chamado proceso de reconquista, que algúns historiadores consideran verdadeira conquista, cos reinos islámicos de Toledo, Sevilla... Cando xa estaban xunguidas as coroas de Castela e Aragón nos Reis Católicos pola vía matrimonial, aínda que conservando as dúas as institucións e linguas propias, a conquista de Granada (1492) e Navarra (1512) orixinou o desmantelamento deseguida da idiosincrasia granadina e máis da navarra.

A identidade española non resulta atractiva, porque é forzadora e non froito dun pacto voluntario e libre

A IMPOSICIÓN NORMATIVA. Os conquistadores casteláns, a diferenza dos romanos, impuxeron as súas leis en América e en Filipinas sen respectaren os usos e costumes dos dominados. Algo semellante ocorreu na península con Granada, Navarra e a coroa de Aragón cos decretos de Nova Planta (1707 a 1711-18) ou a lei paccionada e os decretos de 1841 no tocante a Navarra e ás Provincias Vascas. Na actualidade, tanto a dereita como a esquerda xacobinas rivalizan e consideran a Constitución de 1978 como una norma sagrada, inamovible e intanxible, que debe impoñerse de xeito autoritario.

A SALVAGARDA DA IDENTIDADE castelá, primeiro, e española, despois, efectuouse pola forza das armas e dos tribunais de xustiza, principalmente o da Inquisición. Os xudeus foron expulsados en 1492 polos Reis Católicos, os mouriscos entre 1609-1614 por Filipe III e os xitanos sufriron unha morea de leis persecutorias. Seguindo o adaxio latino, cujus regio, ejus religio había que reducir todos os súbditos á unicidade relixiosa e política e impoñerlles a mesma identidade, mediante as mesmas leis, usos e costumes e a utilización de persecucións, xuízos, torturas, cárceres, multas, penas, sambenitos, desterros e queimas nas fogueiras. Esa mesma identidade española impoñeríaselle aos indíxenas americanos. A Inquisición actuaría tamén contra toda caste de heterodoxias ideolóxicas (conversos, luteranos, iluministas, bruxas/os, os ilustrados, os primeiros liberais etc) e morais (bígamos, adúlteros, fornicadores, solicitantes, sodomitas, bestialidade ou concúbito con animais, etc.). Hoxe mesmo a Audiencia Nacional, o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional afogan calquera disidencia comunicativa, social e institucional.

A OPOSICIÓN Á DIVERSIDADE é notoria. No canto de a ollar como un enriquecemento, víase como un perigo. Malia a unión entre as dúas coroas, a de Castela sempre viu a de Aragón como un contrincante, como amosarían todas as tensións, que remataron en enfrontamentos no reinado de Felipe II no caso de Antonio Pérez (1591), no de Filipe IV, coa Guerra dels Segadors (1640-59) ou coa Guerra de Sucesión (1707-1711). Un afán imperialista, devecido pola supresión da diversidade, operou contra Portugal após a ocupación polas tropas de Castela en 1588 e até a Restauração, comezada en 1639 cos motíns de Évora. Cantas veces os españois ofreceron restaurar os foros cataláns ou os vascos equiparando as súas culturas e linguas, e tamén a galega, en igualdade coa española? A represión da ditadura franquista contra as culturas periféricas chegou a límites paroxísticos. Na situación actual non existe un artellamento xurídico e político, unha salvagarda efectiva da rica diversidade dos pobos hispanos e o pensamento lineal e xacobino dunha patria única e indivisible é o pan noso da cada día. Unha mostra é a negativa a que haxa seleccións nacionais de fútbol que representen Galiza, Euskadi e Catalunya.

Screen Shot 2017-05-08 at 19.09.27O EURO-ESCEPTICISMO AGOCHADO inclúe temor e medo á penetración de ideas procedentes de Europa que destruísen ou minguasen a esencia da españolidade. España estivo pechada a Europa durante gran parte da Idade Moderna e Contem-poránea. Algúns feitos son dabondo rechamantes. En 1559 un decreto de Filipe II prohibía saír aos estudantes ao estranxeiro e ordenaba volver aos que estivesen fóra por medo á contaminación luterana. Ortega y Gasset, filósofo nada sospeitoso de antiespañolismo, nomearía “pireinización” a esta barreira fronte ao virus ideolóxico europeo. En 1789 produciríase unha segunda “pireinización” para coutar a invasión dos ideais ilustrados, liberais e revolucionarios. Podemos afirmar, emporiso, que as nacións periféricas do Galeuzca foron historicamente as máis europeístas. Galiza estaba xunguida a Europa polos camiños de Santiago, tamén por eles e pola fronteira o País Vasco e Catalunya pertenceu ao imperio carolinxio e a ela chegaron as correntes europeas como o noucentisme. Hoxe os españois só aceptan a representación na UE do Estado nacional hispano, que se opón ás representacións autonómicas e á pluralidade, fundada na variedade de pobos, culturas e linguas.

A FEBLEZA NACIONALIZADORA. É un feito incontestable para a maior parte dos historiadores españois que o proceso nacionalizador español no século XIX foi débil e pouco eficaz. No devandito século floreceron as teorías sobre o concepto de nación, a organicista alemá e a voluntarista de Renan. Xurdiron novas nacións, unhas por agregación (Alemaña e Italia) e outras pola desmembración dos grandes imperios, sueco, otomano e austro-húngaro (Noruega, Dinamarca, Finlandia, Greza, Bulgaria, Albania, etc.), de tal xeito que o mapa xeopolítico europeo se renovou case na súa totalidade. A segunda mudanza efectuaríase a finais do século XX coa desaparición da antiga URSS, da federación iugoslava e coa separación pacífica da República Checa e Eslovaquia, sen esquecer a aparición de novas nacións no mundo após o desartellamento dos grandes imperios coloniais despois da II Guerra Mundial. Desde 1990 o mapa europeo áchase enteiramente anovado con nacións que acadaron o seu estado: Estonia, Letonia, Lituania, República Checa, Eslovaquia, Bielorrusia, Ucraína, Eslovenia, Croacia, Xeorxia, Bosnia-Herzegovina, Kosovo e posiblemente outras. O proceso da constitución de nacións aínda segue aberto. Recentemente Montenegro arredouse de Serbia mediante referendo amparado pola UE, en Escocia o SNP propón un referendo de independencia para o 2014 e Catalunya, outro semellante.

"O proceso nacionalizador español no século XIX foi débil e pouco eficaz"

Unha mostra fidedigna da fraxilidade de nacionalización española e, por tanto, da súa identidade é a incorporación do termo nación á historia do constitucionalismo. A primeira explosión nacionalizadora xorde co gallo da guerra contra os franceses (1808-1814). Todas as proclamas, incluído o catecismo español anónimo de 1808, chaman a defender a nación ou a patria fronte ao invasor galo. É coñecida a frase do liberal Agustín Argüelles: “Españois, xa tedes patria”, a nación que se ergue en armas contra os franceses. Tamén o liberal Riego en 1820, na proclama do seu levantamento, empurra os españois a defender as “leis fundamentais da nación”. Os conservadores empezan a apropiación do termo “nación” coa Restauración e, sobre todo, coas dúas ditaduras do século XX, a de Primo de Rivera e a de Franco. Mesmo durante a ditadura do “Perenne” produciuse o maior intento de nacionalización española desde unha perspectiva enteiramente conservadora e dereitista. Non houbo, emporiso, desde unha perspectiva de esquerdas españolas un intento semellante.

Na periferia, este intento nacionalizador das respectivas nacións callou. En Catalunya desde os anos '20 con Unió Socialista de Catalunya e máis tarde con ERC. En Galiza dun xeito interclasista co PG na II República e con claridade a mediados dos '60 coa UPG e o PSG. En Euskal Herría tamén a comezos dos '60 co nacemento de ETA.

Nación, estado, monarquía

O termo nación incorpórase por primeira vez á Constitución de Cádiz de 1812, nos artigos 1 e 2, na de 1845, artigo 11 e nos preámbulos da de 1869, da non nata de 1873 e da de 1978. Mais non se consigna tal termo na Constitución de Baiona de 1808, no Estatuto Real de 1834, nin nas Constitucións de 1856 (non nata), na de 1876 e na republicana de 1931. Emporiso, en todas elas utilízanse indistintamente termos como nación, estado, estado español, estado integral, reino, monarquía, España, Españas e, nalgún caso como a Constitución de Baiona de 1808, Españas e Indias. O mesmo “Fuero de los Españoles” de 1945, no artigo 1, utiliza as palabras “Estado español”.

Montenegro celebrou un referendo o 21 de maio de 2006, auspiciado pola UE, para se arredar de Serbia

O artigo 2 da Constitución española de 1978, unha auténtica zarapallada de redacción xurídico-política, recoñece a soberanía da nación española, compatible coa autonomía das nacionalidades e rexións. Se recorremos ás definicións de nacionalidade e nación segundo o dicionario da RAE, atopámonos cos seguintes significados primordiais. Nación é o conxunto de habitantes dun país, rexido por un mesmo goberno ou tamén o conxunto de persoas dunha mesma orixe étnica e que xeralmente falan un mesmo idioma e teñen unha tradición común. Nacionalidade é a condición ou carácter peculiar dos pobos e individuos dunha nación. En ciencia política adoita chamarse nacionalidade unha nación que non acadou unha organización política estatal e coexiste, xunto a outras, no seo dunha organización estatal única, sen ter en conta a autonomía política da cal poida gozar. En resumo, nacionalidade e nación son termos equivalentes. Se a constitución española actual admite o primeiro, a nación, o segundo áchase implícito, pois nacionalidade non é máis que a caracterioloxía particular da pertenza a unha nación.

Sería, ademais, conveniente engadir algunhas consideracións moi importantes:

1.-A nación é unha estrutura socio-cultural preexistente ao estado, que é unha superestrutura xurídico-política, polo cal a nación creou o estado e non ao revés.

2.-Non se comprende que algúns estados europeos, como o Estado español, sexan tan acérrimos paladíns da súa independencia, pois na UE perderon e están perdendo soberanía por enriba, cedéndolla ás institucións supra-estatais, e por abaixo, cedendo competencias á comunidades autónomas. As competencias que tradicionalmente se consideraban como exclusivas e determinantes da soberanía eran a moeda, o exército e as relacións exteriores. A primeira é común a todos os estados da UE, o segundo está integrado nunha organización supra-estatal, a OTAN, e unha gran parte das terceiras lévaas a cabo a UE.

A nación creou o Estado e non ao revés

3.-Unha obxección que popularmente se expón para negar o dereito das nacións a exerceren o dereito para acadaren a soberanía é a pequena extensión xeográfica, que imposibilita a súa supervivencia,

4.-Alporízanse deseguida os xacobinos españois de esquerda e dereita, cando alguén, caso do lehendakari Ibarretxe ou o presidente Artur Mas, fala de convocar o pobo mediante consulta ou referendos. Estes instrumentos son a proba de algodón da democracia, se non é de baixa intensidade como a do Estado español. Quebec xa celebrou varios e non pasou ren. O SNP propuxo un referendo de autodeterminación para Escocia no ano 2014, que foi aceptado por David Cameron. Montenegro, con 14.026 kms2 de extensión (a metade de Galiza) e 630.540 habitantes segundo o censo de 2003, celebrou un referendo o 21 de maio de 2006, baixo os auspicios patrocinadores da UE, e arredouse de Serbia. No Estado español o referendo é unha palabra satanizada, cando debería ser o ABC da democracia como en Suíza, que celebra varios cada ano nos diferentes cantóns. Só se celebraron dous durante a etapa democrática pos-franquista e os dous para cuestións externas: o de permanencia na OTAN en 1986 e o da adhesión ao Tratado da Constitución europea no ano 2005. É curioso observar que durante a ditadura franquista tamén se celebraron dous referendos, máis para cuestións internas: o da lei de sucesión en 1947 e o da lei orgánica do estado en 1967.

5.-Unha opción moi axeitada para resolver definitivamente os contenciosos das nacións periféricas tería sido a creación dunha Confederación ibérica de nacións, como opinaba Castelao, que abranguese mediante pactos internacionais voluntarios, libres e reversibles, Portugal, Galiza, España, Euskal Herria e os Països Catalans. Aconteceron tres oportunidades históricas para realizar este proxecto político de estruturación confederal do estado: a I República, coa Constitución non nata de 1873, a II República, na Constitución de 1931, e a transición, coa Constitución de 1978. As tres foron inmellorables conxunturas desaproveitadas entre outras razóns porque non se artellou un bloque galeuzca forte, que tiña antecedentes en 1923, en 1933, en 1944-46 e en 1958-59. Un vello adaxio árabe reza: o sol hai que aproveitalo, cando pasa por diante da porta.

6.-No Estado español, cuxa vertebración realizou a coroa de Castela formada co fragor de combates contra o Islam e coa correspondente mentalidade épica de fronteira, baixo a epiderme hai un rego sanguíneo de concepción unitaria. España é unha nación indivisible, transubstanciada en único estado-nación ou mono-nacional, imposto pola forza ao resto das nacións, que enfeitizan o mosaico peninsular, pola vía de golpes xurídico-políticos ou de pronunciamentos militares. Emporiso, fronte a esas continuas pretensións unificadoras, uniformizadoras e asimilacionistas, existiron outras desagregadoras e centrífugas

Este artigo de Xosé Estévez -doutor en historia pola Universidade de Deusto- apareceu no número dous do A Fondo, caderno de análise do Sermos e saíu do prelo 18 de xaneiro de 2012, facendo parte do número 31  do semanario.

Comentarios