Impiden acceder a Meirás a unha empresa de mudanzas enviada polos Franco

O avogado que representa a familia do ditador vén de denunciar que lles impediron o paso para levar os bens tal e como lle permitira o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña. "Imos denunciar esta circunstancia perante o xulgado", afirma Luís Felipe Utrera-Molina. A situación dáse a coñecer na xornada que tanto a Xunta como a Avogacía do Estado, ao igual que o Concello de Sada fixeron os seus movementos para impedir o "espolio".  
Acto de sinatura da entrega do pazo á Avogacía do Estado. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Acto de sinatura da entrega do pazo á Avogacía do Estado. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O letrado que representa a familia do ditador Francisco Franco no proceso legal polo pazo de Meirás e os bens que hai no seu interior, Luís Felipe Utrera-Molina, vén de comunicar que unha empresa de mudanzas intentou acceder esta quinta feira ao complexo sen éxito malia contar cunha sentenza favorábel do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña.

Os Franco tiñan intención de comezar a analizar os obxectos a retirar da propiedade, agora en mans do Estado, pero o vixiante de seguridade denegou a entrada por carecer de "autorización para poder entrar".

En consecuencia, o letrado asegurou que vai "denunciar esta circunstancia perante o xulgado", xa que o auto revogou o depósito temporal dos bens -incluídos os BIC do Mestre Mateo e a biblioteca da intelectual Emilia Pardo Bazán- en favor da Avogacía do Estado e deu un prazo dun mes para levar da edificación o que consideraran.

Desde o punto de vista do representante legal da familia, os recursos presentados polo Estado, a Xunta, os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación coruñesa polo prazo para a retirada de bens "non suspenden" a resolución xudicial, polo que os Franco poderían recoller todo e, en caso de que fora preciso, devolvelo nun futuro.

Baixo esta premisa, Utrera-Molina pediu á Audiencia Provincial coruñesa que faga un novo requirimento ao Estado para que deixe entrar no complexo a aquelas persoas que teñan a autorización das e dos denunciantes.

"Baixo apercibimento de incorrer en desobediencia", engadiu sobre o posíbel delito no que, na súa opinión profesional, podería incorrer a Administración do Estado español.

Aliás, o letrado puntualizou que a idea -a priori- non era cargar hoxe as cousas senón "ver que teñen que levar, calcular os metros cúbicos e os vehículos". De onde si semella que xa foron retirando mobiliario é da Casa Cornide da Coruña malia que hai un proceso aberto reclamando, tamén, a devolución ao pobo.

Como xa anunciara, se demandou á Xuntya autorización para levar as estatuas do Mestre Mateo e os volumes da biblioteca de Emilia Pardo Bazán, pois se precisa ese visto e prace ao estar catalogados como Bens de Interese Cultural (BIC).

Esta situación dáse xusto na xornada na que as distintas Administracións con intereses na propiedade -Xunta, Estado, Concello de Sada...- comunicaron as súas estratexias para intentar adiar a saída dos elementos, moitos deles considerados patrimonio nacional e integrados nun inventario, para tratar de vinculalos de forma inseparábel a Meirás.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios