A Illa de San Simón recupera a memoria o próximo domingo

O domingo 21 de xullo, as asociacións de recuperación da memoria histórica volverán á Illa de San Simón. Trátase da quinta celebración do Día da Memoria desde que o goberno do PP eliminou a homenaxe institucional que comezara no 2006. 

Día da Memoria na Illa de San Simón
photo_camera Día da Memoria na Illa de San Simón

Desta volta, A Iniciativa Galega pola Memoria -que agrupa ás diversas asociacións- conmemorará este domingo día 21 de xullo o Día da Memoria, convertendo de volta a Illa no espazo de referencia para homenaxear ás vítimas da represión franquista. Para asistir á homenaxe é preciso contactar con calquera das distintas asociacións da memoria para xestionar o traslado á illa. 

Nesta edición, a homenaxe centrarase en soldados e mariñeiros que desobedeceron ás ordes golpistas e foron asasinados por manter a lealdade á democracia. Familiares de mariñeiros  que foron represaliados participarán no acto de homenaxe. Entre as persoas que intervirán atópase Mª José Barreiro, sobriña de Manuel Barreiro, mariñeiro que encabezou a rebelión contra o golpe en Ferrol ou David Fernández Martínez, fillo de David Fernández Dopico, tamén mariñeiro, natural de Ferrol e exiliado en Orán.  O cantautor marinense Samuel Acuña Parada participará no acto no que tamén falará o veciño de Marín, Jorge Gómez Gude, catedrático emérito da Universidade de Vigo, párroco de San Xulián de Marín e fillo de militar represaliado. No transcurso do acto farase unha solta de pombas. 

Historia borrada 

Desde que en 2009 o PP chegou ao goberno da Xunta eliminou toda celebración da memoria da Illa de San Simón. Desapareceron as exposicións sobre a historia de campo de represión e deixaron de celebrarse as homenaxes institucionais anuais que, desde o 2006, Ano da Memoria, a Consellaría de Cultura do goberno bipartito convocaba na Illa. 

Malia ese intento de borrar a historia, as asociacións que levan décadas recuperando a nosa historia recuperaron a data e desde o ano 2009, co PP xa no poder, comezaron a dirixirse o domingo máis próximo ao día 18 de xullo para conmemorar o Día da Memoria, o único acto que lembra a historia na que se bautizou en 2006 como Illa da Memoria.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios