Acto anual en San Simón

Unha Illa da Memoria para a morte requisada

A Illa de San Simón acolleu no mediodía do domingo un acto reivindicativo para recuperar a memoria das persoas asasinadas polo franquismo. A organización demandou que San Simón sexa recoñecida como a Illa da Memoria.

[Imaxe: Garrrido] Un momento da homenaxe ás vítimas do franquismo en San Simón
photo_camera [Imaxe: Garrrido] Un momento da homenaxe ás vítimas do franquismo en San Simón

A Iniciativa Galega pola Memoria organizou na Illa de San Simón o acto nacional co que homenaxea as persoas asasinadas e represaliadas polo franquismo. A piques de se cumprir 80 anos do golpe de Estado e do primeiro regueiro de mortos a mans dos adeptos ao réximo, a organización reclamou facer de San Simón a Illa da Memoria, un enclave fundamental para a memoria.

Desta maneira, o manifesto da Iniciativa Galega pola Memoria, lido pola xornalista e investigadora Montse Fajardo, centrouse en reivindicar a illa como “espazo da memoria e da liberdade de Galiza”, o “lugar onde trunfe a verdade para derrotar a desmemoria, o esquecemento e a memoria. O lugar da xustiza e da reparación, ás que as vítimas teñen dereito”.

"Non podemos nin queremos aturar por máis tempo a pervivencia da memoria construída no franquismo, o silencio cómplice da transición"

Nesta “illa dos amores, para a morte requisada”, un espazo de “memoria do terror, da resistencia e da solidariedade”, cualificouse como “necesidade inaprazábel” saldar a débeda de facer de San Simón o enclave de referencia para a memoria. “Non se pode construír unha democracia sobre o esquecemento dos homes e mulleres que loitaron e se sacrificaron por ela. E non podemos nin queremos aturar por máis tempo a pervivencia da memoria construída no franquismo, o silencio cómplice da transición, o adiamento da Verdade, da Xustiza e da Reparación en nome de causas supostamente máis elevadas”, salientou Montse Fajardo en nome da organización.

Amais de homenaxear as persoas asinadas e represaliadas, a Iniciativa Galega pola Memoria lembrou as “mulleres da contorna que lavaban a roupa e preparaban a comida dos encarcerados. As nais, as compañeiras, as orfas que volvían na lancha co paquete feito para os que xa non estaban, que seguiron adiante cargando soas co peso da vida, e coa dor interminábel da memoria, para deixárnola como herdanza, a mellor das herdanzas, que temos a obriga de coidar”.

Respeito ao dereito á verdade, á xustiza, á reparación e a non repetición

A organización, que forma parte da “Galiza resistente, que non se deixa derrotar polo relato construído polos fascistas e os seus herdeiros de hoxe”, tamén solicitou, un ano máis, a condena do golpe de Estado militar de 1936 e do xenocidio e a ditadura fascista que provocou e a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego. Neste sentido, emprazaron a comezar coas recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff. “Entendemos que a política da memoria debe fundamentarse no respecto aos dereito humanos; e particularmente no respecto ao dereito á verdade, á xustiza, á reparación e a non repetición. En consecuencia co anterior, esiximos a derrogación da Lei de Amnistía de 1977”, expresou Montse Fajardo.

Outra das cuestións sobre as que se chamou a atención en San Simón foi a necesidade de suprimir os acordos, distincións e símbolos que reflicten a adhesión e colaboración de entidades e institucións coa ditadura e o compromiso dos poderes públicos en xeral, e da administración de xustiza en particular, a prol da recuperación da memoria histórica e do dereito ao coñecemento da verdade, ao exercicio da xustiza seguindo o criterio de non prescrición dos delitos de lesa humanidade, e á reparación de todas as vítimas.

O obxectivo: converter a illa en espazo simbólico da memoria colectiva da represión, da resistencia e da solidariedade

Mais, sobre todo, a organización centrouse en reivindicar a denominación oficial de San Simón como Illa da Memoria. O obxectivo: converter a illa en espazo simbólico da memoria colectiva da represión, da resistencia e da solidariedade. Este nomeamento iría acompañado dun programa anual de actividades arredor da temática.

Após a lectura do manifesto da Iniciativa Galega pola Memoria, interveu o historiador Dionisio Pereira, quen apelou á necesidade de honrar ás vitimas. Como cada ano, non faltou a música, nesta ocasión, da man de 2naFronteira. E, para rematar, tivo lugar a solta de pombas e a interpretación do Himno Nacional.

Comentarios