Identificada no concello de Tomiño unha nova fortaleza do século XVII

O forte reflicte a relevancia da Guerra da Restauração.

O achado acredita a importancia do Baixo Miño na guerra con Portugal. (Foto: Historia de Galicia)
photo_camera O achado acredita a importancia do Baixo Miño na guerra con Portugal. (Foto: Historia de Galicia)

Unha nova fortaleza do século XVII foi identificada no concello de Tomiño. Este achado reflicte, segundo o equipo de investigadores que fixo o descubrimento, a importancia que a Guerra da Restauração tivo na fronteira galego-portuguesa, especialmente, no Baixo Miño.

Esta comarca podería ter sido unha das principais frontes bélicas desta guerra que durou case 30 anos, de 1640 a 1668, e que deixou galegos e portugueses "exhaustos".

A historiadora e especialista en paisaxes bélicas do século XVII Rebeca Blanco-Rotea acredita na importancia que a "fronte galega" tivo neste enfrontamento entre pobos irmáns. Blanco-Rotea realizou un intenso traballo de catalogación das fortificacións da raia galega e, até o momento, tiña identificadas 45 construcións bélicas a un e outro lado desta raia.

O novo forte está situado nun lugar "estratéxico", de paso entre os complexos fortificados de Amorín e Goián. Os restos atopados poderían ser parte dunha grande estrutura defensiva e nela puido terse acuartelado en 1666 un exército de máis de 15.000 homes.

Trátase dunha estrutura fortificada "en moi mal estado". O novo xacemento está, segundo Blanco-Rotea, moi arrasado por actividades forestais e vitivinícolas, pero aínda conserva unha estrutura abaluartada de planta apunta. 

Relevancia bélica

A nova fortificación evidencia a intensificación do conflito bélico na súa fase final e a historiadora destaca que as estruturas defensivas atopadas poden ter relación cun momento no que se intensificaron os enfrontamentos na fronte galega, "con especial virulencia nos territorios que hoxe conforman o concello de Tomiño". É por isto que considera urxente a protección e estudo deste espazo.

Comentarios