Homenaxes a Moncho Reboiras no 45 aniversario do seu asasinato

Organizacións políticas convocan diversos actos para esta cuarta feira en lembranza do militante nacionalista morto a tiros o 12 de agosto de 1975 en Ferrol.

Moncho Reboiras
photo_camera Moncho Reboiras

Cando se fan 45 anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia, organizacións políticas convocan diversos actos de homenaxe e lembranza ao militante asasinado pola policía franquista o 12 de agosto de 1975 en Ferrol.

A Unión do Povo Galego (UPG), da que facía parte Moncho Reboiras, é quen ten una axenda de actos máis extensa. A organización recoñece que no contexto sanitario no que nos atopamos por mor da Covid-19 e co obxectivo de priorizar a seguridade de todas as persoas que asistan aos actos de homenaxe, estes terán modificacións a respecto do formato no que estaban a desenvolverse nos últimos anos.

 Ás 17 horas desta cuarta feira, 12 de agosto, será a estrea, con coloquio posterior, do documental "Reboiras. Acción e Corazón", no Cinema Duplex. Ferrol. O filme documental dirixido por Alberte Mera e producida pola Fundación Terra e Tempo chega ás salas após a súa preestrea en Imo para a veciñanza de Dodro, concello natal de Moncho Reboiras.

Ás 19:30 h.  Intervencións políticas no Cantón de Molíns terá lugar o acto político, que contará coa intervención de Iria Carreira (secretariado da UMG e deputada no Parlamento Galego), Ramón Fernández “Mon” (deputado no Parlamento Galego) e Néstor Rego (secretario xeral da UPG e deputado no Congreso).

Haberá unha actuación musical a cargo de  Óscar Fojo

Tamén o Movemento Galego ao Socialismo homenaxeará este 12 de agosto a Moncho Reboiras. A cita é ás 12 horas no cemiterio de San Xoán de Laíño, en Dodro, con intervencións políticas e música para lembrar quen sinalan como “militante referente para as que loitamos pola independencia e o socialismo”.

Nas intervencións tomarán a palabra  Xoan Bautista Mariño (concelleiro do BNG en Dodro), Pilar Casás (Mesa Nacional de Isca!),  Noa Presas (deputada do BNG no Parlamento Galego) e .Anxo Noceda (Executiva Confederal da CIG).

De por parte, Agora Galiza convoca ás 19 horas no cemiterio de Imo un acto de homenaxe a Reboiras baixo o lema “Sempre na nossa mochila revoluncionária”.

Outras organizacións como FPG, Xeira e Causa Galiza tamén desenvolveron nestes anos diversos actos de lembranza e homenaxe ao militante  asasinado pola policía franquista na Rúa da Terra, en Ferrol.

Comentarios