6 de outubro en Santiso de Abres

Homenaxe ás persoas represaliadas na conca do Eo en 1936

Clemente Amago fundou o Partido Socialista en Santiso de Abres, na actual beira asturiana do río Eo. Era 1931, ano da instauración da Segunda República. Cinco anos despois, agochábase dos falanxistas, que finalmente o atoparon un 22 de setembro. O seu cadáver aínda hoxe está desaparecido. Será unha das persoas homenaxeadas na localidade o vindeiro domingo 6 de outubro nun acto organizado por Memoria da Mariña.
Martínez Crespo
photo_camera Pablo Martínez-Crespo Mazo cos seus alumnos da escola de Abres en Trabada. Foto: Memoria da Mariña.

Non foi o único veciño de Abres asasinado. Manuel García Miranda e o concelleiro Ramón Llenderrozos Pérez caerían en Rábade un 3 de setembro de 1936 a mans de fascistas. En febreiro do ano seguinte, o traballador do transporte Xesús Cigarrán Campo, nado en Trabada preo residente en Santiso, foi fusilado en Lugo. As feridas no lugar seguen abertas: testemúñao que apenas unha das seis persoas soterradas na fosa común do cemiterio parroquial estea identificada.

“Segundo a hipótese de estudosos do tema, os executados da fosa serían veciños do occidente asturiano, probabelmente sacados do cárcere de Castropol”, indica Memoria da Mariña nun comunicado. Aquel de quen se coñece o nome é Pablo Martínez-Crespo Mazas, que fora mestre en Trabada, era natural da Rioxa e opúxose ao golpe do 36. Cando o mataron tiña 56 anos, muller e catro fillos.

En Santiso de Abres os fascistas tamén asasinaron Xosé Suárez Novás, nado en Palas de Rei e veciño da Pontenova, e Xosé María Jardón Pérez. Non se sabe onde están soterrados.

Os actos
A xornada comezará ás cinco da tarde no auditorio municipal de Santiso de Abres cunha conferencia do profesor Ramón García Piñeiro, especialista na guerrilla e represión na conca do Eo. Desta volta disertará sobre o operativo represivo da zona. Ás seis e cuarto descubrirase unha placa no cemiterio parroquial en lembranza das seis persoas asasinadas. Estará presente Francisco Martínez, Quico, un dos últimos guerrilleiros antifranquistas vivos, a neta do maquis Luís Trigo Fernanda Cedrón e familiares de represaliados. Actuará o músico da Veiga Abel Pérez.

“Animamos a todos os veciños da conca do Eo a se sumar a este acto de homenaxe e lembranza ás vítimas da represión”, sinala a entidade Memoria da Mariña, quen ademais dispoñibiliza o teléfono 608 555 010 para “as xentes da zona que poidan achegar datos sobre a identidade das persoas soterradas na fosa común”.

Comentarios