Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo este domingo

A illa de San Simón acollerá o vindeiro domingo, 16 de xullo, a homenaxe nacional anual ás vítimas do franquismo que como cada ano organiza  a Iniciativa Galega pola Memoria.

imaxe-sansimon
photo_camera Imaxe do acto en San Simón en 2014 [Foto: Iniciativa Galega pola Memoria]

Segundo a Iniciativa está prevista a participación dunhas catrocentas persoas nesta xornada que neste 81 aniversario do golpe fascista estará dedicada aos cárceres e campos de concentración que os golpistas habilitaron nas distintas cidades de Galiza para confinar ás persoas que defenderon a legalidade republicana: San Simón, Camposancos, Oia, Figueirido, Rianxo, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Muros, Lavacolla, Betanzos, Ferrol, Cedeira, Ribadeo, Celanova e outras. O acto central da xornada será ás doce do mediodía na illa de Santo Antón e contará coa intervención da escritora Susana Sánchez Arins.

Esta xornada estará dedicada aos cárceres e campos de concentración que os golpistas habilitaron nas distintas cidades de Galiza

A illa de San Simón é, segundo a Iniciativa pola Memoria, todo un símbolo tanto do que supuxo a represión franquista como da resistencia que, pese ao que se adoita pensar, opuxo o pobo galego ao golpe, así como da solidariedade que, cos presos do Lazareto amosaron moitas persoas da contorna e moi especialmente as mulleres, que lles levaban comida, roupa limpa e consolo.

Este espazo foi campo de concentración entre 1936 e 1943 e nel estiveron máis de 6.000 persoas confinadas nunhas condicións moi duras. Desde a Iniciativa critícase novamente o desmantelamento da política da memoria que se iniciara no ano 2006 precisamente neste lugar coa súa declaración coa Illa da Memoria. "Todas estas iniciativas foron eliminadas a partir do 2009, baleirando o actual goberno a illa de calquera contido relacionado co seu pasado como campo de concentración franquista, chegando mesmo a cambiar a denominación de Illa da Memoria por Illa do Pensamento. A partir dese momento foi a Iniciativa Galega pola Memoria a que tomou as rendas da organización da Homenaxe Nacional, á que sempre se outorga un dobre carácter de recoñecemento e tamén de reivindicación".

Comentarios