Homenaxe ás mártires de Nebra, Porto do Son, o 12 de outubro

"Viva a unión de labregos e traballadores", un berro que a cinco campesiñas e campesiños lles costou a morte. Un ano máis, o BNG de Porto do Son organiza a homenaxe ás mártires de Nebra, xunto con familiares e veciñanza. Será a segunda feira, 12 de outubro, ás 17 horas ao pé do monólito situado na ponte de Cans, na parroquia de Nebra.
BNG mártires Nebra
photo_camera Homenaxe aos mártires Nebra o pasado ano.

Neste 2020 fanse 104 anos do que o grupo cualifica de "masacre". Ese mesmo día de 1916, a Garda Civil asasinaba cinco labregas -catro mulleres e un home- e fería de bala outras 32 persoas, por loitar "contra o pagamento inxusto e discriminatorio de impostos ao Estado español", denuncian desde a formación.

Co recoñecemento, os nacionalistas tratan "de recuperar para a memoria colectiva da Galiza un episodio de loita e resistencia fronte ao centralismo español".

Trátase así dun acto "político nacional de homenaxe" a unha "historia de resistencia, silenciada e ocultada, malia a súa dimensión", o que dá conta da "falsa e interesada idea dun pobo galego dócil e submiso co poder central".

Na lembranza intervirán o veciño Santiago Suárez, Balbino González, concelleiro do BNG en Porto do Son, e a deputada Rosana Pérez.

Comentarios