Homenaxe en Guitiriz aos ‘Irmáns da Lexía’: obreiros, deportistas, antifascistas

Bebel xogaba no Deportivo e France era boxeador e ciclista. Os dous irmáns foron asasinados polos franquistas no Campo da Rata da Coruña pola súa militancia e compromiso socialista. Tamén foi asasinado días despois o seu irmán pequeno, Jaurés. Un memorial réndelle homenaxe este domingo.

Pepin e Bebel, dous dos 'Irmáns da Lexía'
photo_camera Pepin e Bebel, dous dos 'Irmáns da Lexía'

Bebel, France e Jaurés Gacía, coñecidos na Coruña como os irmáns ‘da lexía’ polo negocio familiar de Monte Alto, foron asasinados polos fascistas nos primeiros momentos do golpe de estado de 1936. Os tres estiveron presos no antigo cárcere da Coruña, de onde sacaron a Bebel e France para fusilalos no campo da Rapa. A Jaurés, menor de idade, condenárono a cadea perpetua mais días despois o seu corpo tiroteado apareceu ao pé da tapia do cemiterio de San Amaro. O irmán maior, Pepín, combateu o fascismo desde as filas do 'Quinto Regimiento' en Madrid, onde perdeu unha perna na batalla de Brunete. Cando Franco gañou a guerra, exiliouse aAmérica do Sur.

Un memorial homenaxeará este domingo ‘Os irmáns da lexía’. Está organizado pola asociación Xérmolos, os Riazor Blues e a Irmandade Manuel María.  O memorial comezará ás 11.00 h cun partido alevín e xuvenil no Campo Suso Cruz de Guitiriz, entre os equipos de Guitiriz e A Coruña. De seguido, ás 12.00 h, xogarase o “I Trofeo Bebel” entre os equipos Guitiriz e Riazor Blues.

Xa logo, no monumento ós Irmáns da Lexía e ao pé da fosa común en Santa Mariña de Lagostelle, Guitiriz, terá lugar o acto memorial e ofrenda floral aos Irmáns da Lexía e demais vítimas. Intervirán: Selva García, filla de Pepín da Lexía, un dos Irmáns da Lexía, e Alfonso Blanco, da organización.

A continuación, xantar de irmandade a base de paella e churrasco. Ás 17.00 h rematarase coas actuacións dos grupos Bloquinho de Xermolos, de Guitiriz, e Nuada, de Teixeiro.

Deportistas, antifascistas

France era boxeador e ciclista. Bebel xogaba no Deportivo da Coruña. Ambos os dous militaban nas Xuventudes Socialistas Unificadas. O compromiso político víñalles de familia, o seu pai era un comprometido militante socialista. De feito, púxolle Bebel de nome a este seu fillo polo político socialista alemán August Bebel.

O seu compromiso político era coñecido. Os irmáns foron detidos pola Garda Civil cando, após o Golpe de Estado, tentaban pasar a Asturies. Acusóuselles de atacar persoas de dereitas, queimar igrexas e atentar contra un xeneral do exército español. No xuízo sumarísimo contra eles tomou parte José María Salvador, presidente do Deportivo entre 1935 e 1941. 

Eduardo Galeano ten unha peza (Última voluntad) na que rende homenaxe a este xogador deportivista asesinado:

A Coruña, verán de 1936: Bebel García morre fusilado.

Bebel é zurdo para xogar e para pensar.

No estadio, pon a camiseta do Dépor.

Á saída do estadio, pon a camiseta da Xuventude Socialista.

Once días despois do cuartelazo de Franco, cando acaba de facer 22  anos, enfronta o pelotón de fusilamento:

*Un momento -manda.

E os soldados, galegos como el, futboleiros como el, obedecen.

Entón Bebel  desabotoa a pitrina, pasesiño, botón tras botón, e de cara ao pelotón bota unha longa mexada.

Despois, abotóase a pitrina:

*Agora si

Comentarios