MEMORIA E HISTORIA

Homenaxe á guerrilla galega a través da figura de Camilo de Dios

NO 85 ANIVERSARIO DA REPÚBLICA

Homenaxe á guerrilla galega a través da figura de Camilo de Dios

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC) organiza esta semana unha homenaxe a Camilo de Dios e ao movemento guerrilleiro galego antifranquista en xeral. 

camilodedios
photo_camera Camilo de Dios, no centro [imaxe da CRMHC]

A CRMHC presentou hoxe os actos de conmemoración do 85º aniversario da República que inclúen a presentación do libro “Os borbóns: unha monarquía escandalosa”, de Manuel Monge, mañá terza feira ás 19.30 horas nas Portas Ártabras. 

Mentres, o día 15 farase unha ofrenda floral ás vítimas do franquismo no memorial da avenida de Navarra ás 18 horas e logo, ás 19.30 horas na sede da Academia Galega, terá lugar a Homenaxe a Camilo de Dios en representación do movemento guerrilleiro galego, que será nomeado Republicano de Honra 2016. Intervirán o homenaxeado, xunto co historiador Bernardo Máiz, un dos principais estudosos da guerrilla galega, e o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. 

Na presentación desta programación, Bernardo Máiz quen salientou a importancia da actividade guerrilleira: “Metéronlle medo aos represores do réxime franquista, mesmo eliminaron a algún, fixeron sabotaxes dos convois que levaban o wólfram, o que significa que tamén interviron na Guerra Mundial, e mesmo dos postes de luz de Fenosa cando o Estado empezaba a expropiar os terreos para os encoros”. Máiz glosou a figura de De Dios sinalando que continuou na loita social, no sindicalismo agrario, despois de saír da cadea e tamén foi concelleiro polo PCE en Xinzo e Sandiás trala morte do ditador. 

Camilo de Dios

Camilo de Dios (Sandiás, 1933) é fillo de Jesús de Dios e de Carmen Fernández Seguín, tamén guerrilleira. Segundo conta Bernardo Máiz, comezou como enlace da guerrilla desde novo, ás veces como tapadeira da súa nai, viúva desde 1945. A súa primeira acción foi en 1947, cando con outros catro adolescentes lles “expropiaron” fusís e pistolas aos falanxistas de Vilar de Santos. Logo entrou na clandestinidade armada e alí continuou até a batalla do 18 de marzo de 1949, cando logo dun combate no que morreron dous gardas civís e tres guerrilleiros, o detiveron e logo conmutáronlle a pena de morte por 30 anos na cadea, xa que tiña aínda 17 anos. 
 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
comentarios