Homenaxe a Concha Murguía en Oiartzun

O historiador Xosé Estévez lembra a esta muller, orixinaria vasca, que veu a Galiza fuxida mais que ficaría no país onde casou e tivo dous fillos, un deles, Manuel M. Murguía. 

O balbordo inmediato de novas políticas, económicas, electorais, bélicas etc., sexan internacionais, estatais, nacionais ou locais, agacha baixo o mesto veo da marxinación outras coma os actos celebrados polo Fato Cultural Daniel Castelao de Pasaia e o Concello de Oiartzun sobre a persoalidade de Concha Murguía Egaña, nai de Manuel M. Murguía, os días 18, 19 e 20 de febreiro deste ano 2016.

Domingo Murguía e a súa filla Concha fuxen cara Galiza en 1823 por mor da invasión dos 'Cen mil fillos de San Luís' ordenada por Fernando VII

Concha Murguía Egaña, era filla do organista da Igrexa de San Estevo de Oiartzun, Domingo Murguía, de vella estirpe fidalga orixinaria de Astigarraga, lugar de sona polas sidrerías. Concha naceu o 29 de Xaneiro de 1806 no antigo hospital, onde moraban seus pais nunhas dependencias anexas. Hoxe o edificio é Biblioteca e Casa  de Cultura de Oiartzun. Con nove anos trasladouse a vivir a Tolosa, pois o pai conseguira a praza de organista da Igrexa de Santa María na antiga capital foral de Guipúscoa. Por iso, algúns historiadores como Vicente Risco sitúan con erro evidente o seu nacemento na vila tolosarra. Nela militará o pai no partido liberal-fuerista abandeirado polo Conde de Villafuertes, D. Ladislao Zabala. A invasión dos “Cen Mil Fillos de San Luis” en 1823, a pedido do incompetente e voluble rei Fernando VII, remata co Trienio Liberal e impón de novo o Absolutismo. Domingo Murguía e a súa filla Concha fuxen cara Galiza. A filla ficaría e o pai volvería a Tolosa onde morreu pobre e doente, acollido na casa do Conde de Villafuertes. Concha casou co boticario Xosé Martínez e finou dun ataque ao corazón en Santiago en 1854, onde foi soterrada.

casa morte C. Murguía, Rúa Hortas, 27, Santiago
O matrimonio Martínez-Murguía tivo dous fillos. Un deles, Manuel M. Murguía (1833-1923), foi un dos primeiros ideólogos do nazonalismo galego, farturento polígrafo, historiador, investigador, etnógrafo, novelista e primeiro presidente de Real Academia Galega. Casou con outra grande do Rexurdimento Galego, Rosalía de Castro, a quen empuxou a escriber e publicar libros como “Cantares Gallegos”, no que ela mesma advirte no limiar o influxo dun vate vasco, Antonio de Trueba. Manuel M. Murguía recoñecería de xeito explícito que encetou a amar a patria Galega ó ver como a súa nai amaba a lonxana Patria Vasca, Terra, “na que nin se teme nin se mente”. Manuel M. Murguía xace nunha humilde e descoidada campa no fondal do cemiterio coruñés de san Amaro na compaña do seus fillos Ovidio e Amara.

O 11 de novembro do 2000, día de San Martiño, a Irmandade de Centros Galegos de Euskadi e as Asociacións Culturais “Daniel Castelao”, de Pasaia, e a “Rosalía de Castro”, de Baracaldo, solicitamos da Deputación Foral de Guipúscoa e do Concello de Oiartzun a celebración dunha homenaxe a Concha Murguía. Ambas Institucións responderon afirmativa e xenerosamente da man de Luis María Bandrés, deputado de Cultura, e Xavier Iragorri, alcalde de Oiartzun. Colocouse na Casa de Cultura unha fermosa placa, conforme ca monumentalidade do lugar, en galego e éuscaro cas seguintes verbas:”Nesta casa naceu Concha Murguía Egala (1806-1854), nai de Manuel M. Murguía, berce do nazonalismo galego”. As dúas institucións sufragaron tódolos actos e a edición dun libro da miña autoría sobre a estirpe vasca de Manuel Murguía.

Dende aquela efémeride celebramos tódolos anos por estas datas unha homenaxe  a Concha Murguía. Este ano, os días 18,19 e 20 de febreiro, celebraremos os seguintes actos os día 18 e 19: Unha conferencia deste servidor encol de Manuel María e Euskal Herria e un recital poético musicado,vasco-galego, con poemas de Manuel María e Joseba Sarrionaindia. O día 20 será a grande homnenaxe con ofrenda floral e intervencións orais  da concelleira de Oiartzun, Iosune Cousillas, de ascendencia cormeán, e de Xosé Estévez.

Manuel M. Murguía recoñecería de xeito explícito que encetou a amar a patria Galega ó ver como a súa nai amaba a lonxana Patria Vasca

Con estes actos acreditamos na solidariedade vascogalega e coincidimos en subliñar que dende unhas pequenas patrias, como a vasca e galega, pódese admirar a grandeza do universo, pois a súa riqueza atópase na variedade e non na uniformidade.

Moitos galegos, que residimos en Euskal Herría, non esquecemos a nosa patria orixinaria nin a nosas raigañas, pois perderíamos a nosa identidade e sen ela non se pode andar polo mundo. Somos a semellanza das árbores. Abrimos solidariamente as polas ós ventos da patria éuscara, pero o toro témolo ben chantado na nación fisterral. Amamos sinceiramente esta patria adoptiva vasca que nos agasallou con fogar, agarimo, traballo e familia e apuntalou en nós a conciencia e a fachenda de sermos galegos de nación, arredando seudocomplexos de inferioridade.

Dende o 11 de novembro do 2000  tódolos anos en febreiro os corazóns dos oiartzuarras e dos galegoseuskadianos latexan co mesmo ritmo da fraternidade, porque unha filla esgrevia do pobo arrolou no berce a un dos iniciadores do Rexurdimento da dignidade da nación galega, que coñece como ninguén o aguillón das traxedias, entre elas a emigración, denunciada decote polo noso bardo nacional, Manuel María, quen nos agasallou con don da súa inesquencible palabra.  

Comentarios