Homenaxe aos portugueses asasinados en Campobecerros

Será o próximo 23 de xuño, a mediodía, cando en Campobecerros (Castrelo do Val) se lle renda homenaxe aos carrilanos portugueses asasinados pola represión fascista.

Paula Godinho, da Universidade de Lisboa, Manuel Loff, da Universidade de Porto, Dionisio Pereira investigador e membro do Proxecto Nomes e Voces, e o alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez García porán voz á memoria o día 23 de xuño ás 12.00 horas en Campobecerros, na lembranza dos portugueses asasinados pola represión tras o golpe militar de 1936.

Unha placa no lugar no que se desenvoveron os fusilamentos lembrará aos portugueses asasinados no concello de Castrelo do Val, cando partillaban da construción da liña ferroviaria entre Zamora e Ourense, na que se estima que traballaron máis de catro mil carrileiros desde 1928. No remate das intervencións proxectarase o documental “Causa 1021” no teleclube de Campobecerros, un traballo de Xosé Lois Santiago e Pablo Ces arredor dos defensores da legalidade republicana en Verín. 

O acto celébrase pouco máis dun mes despois de que o pasado 12 de maio tivera lugar en Monção unha homenaxe aos portugueses mortos polo franquismo na Galiza, acto no que tamén se colocou unha placa co nome dos 56 asasinados.

Comentarios