Na facultade de Xeografía de Santiago

Historias de represión e resistencia

A asociación de estudantes Elvira Parcero, da facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, organizan a vindeira cuarta feira, 30 de xaneiro, unha palestra sobre a represión fascista e a resistencia democrática.
 

cartaz
photo_camera Detalle do cartaz da palestra 'Historias: Represión e Resistencias. Galiza Combatente', da asociación Elvira Parcero. Imaxe: cedida.

A mesa redonda será ás sete do serán, na aula 14, e o título explica os seus contidos: Historias: Represión e Resistencias. Galiza Combatente. Nela participarán tres investigadores.

Iria Morgade falará sobre Bernardo Mato, “mestre e político republicano represaliado”, a quen dedicou o seu traballo de fin de mestrado na facultade de Socioloxía na Universidade da Coruña. Docente en Teo, sindicalista e integrante das Misións Pedagóxicas, foi o bisavó da poñente.

O historiador Xosé Álvarez, un dos autores de Os nomes do terror (Sermos Galiza, 2017), repasará a Pontevedra franquista. O seu colega Bernardo Maiz -tamén contribuínte ao volume colectivo mencionado- fará o propio co “proceso de resistencia das guerrillas”.


 

A asociación Elvira Parcero autodefínese como entidade “coa vontade de promover unha cultura de esquerdas e democrática”. A Parcero do nome foi unha traballadora de Ascón, en Vigo, asasinada pola policía en 1978 durante unha folga.

Comentarios